Santiago acolle o legado Maside

O Consorcio compostelán aproba a adquisición das obras en mans da familia do pintor e a ampliación do Museo do Pobo Galego


Redacción / La Voz

O legado Maside topará por fin acougo. Sacado no 2014 de Vigo pola familia -que entendeu que as autoridades municipais non mostraban a sensibilidade necesaria coa obra do pintor pontevedrés-, permanecía depositado en dependencias da compostelá Fundación Granell. Agora, o Consorcio de Santiago -integrado polo Goberno central, a Xunta e o Concello- vén de aprobar a adquisición deste fondo por un desembolso de 430.717 euros, cunha achega da Deputación da Coruña por importe do 50% do total. Son 21 cadros -trece óleos sobre lenzo, un pastel, tres gouaches e catro debuxos a lapis- que se enmarcan no período que vai dos anos 30 ata os 50 do século pasado. Quedarán así na cidade, a mesma que acolleu ao artista tras a Guerra Civil, como mestre represado, que, no seu exilio interior, se pechou na súa casa da rúa do Vilar, coa irmá e os sobriños. Aínda que non se fixo público oficialmente, a obra de Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Santiago, 1958) exporase inicialmente ao público no pazo de Fonseca, da Universidade de Santiago, con acceso polo xardín posterior. Aí seguirá ata o ano 2020. Xa había acordo co anterior equipo reitoral, e este manteno, segundo afirma o alcalde, Martiño Noriega. Non hai data para a apertura, pero o rexedor, tamén presidente do Consorcio, calcula que podería ser no outono. Para máis aló do 2020 están abertas as conversas coa Seguridade Social, propietaria da Casa da Parra (na praza da Quintana), para instalar a obra de Maside na súa planta baixa. O problema é que a Seguridade Social non estaría polo labor de ceder en aluguer só unha parte do edificio, senón que entende que todo o inmoble é unha soa unidade. Así, o Consorcio terá que ver que uso público podería ter o resto do espazo para valorar a operación, que ademais esixirá un investimento para adecuar a edificación. 

Museo de Historia de Galicia

O Consorcio tamén aprobou onte abordar a ampliación do Museo do Pobo Galego, á que destinará unha partida global de 2,95 millóns de euros, distribuída en varias anualidades ata o 2021, exercicio no que, coincidindo co Ano Santo, está previsto que se inauguren as instalacións. «É un soño que acariñamos dende o 2008, cando presentamos o primeiro anteproxecto, que quedou parado pola crise», lembra Justo Beramendi, presidente do padroado do museo, que admite que «daquela non estaba o forno para bolos».

A idea é rehabilitar a ala sur do edificio para crear un novo espazo expositivo de 800 metros cadrados que estará dedicado á historia de Galicia, apunta Beramendi. De feito, unha comisión prepara xa os contidos que desenvolverá despois unha empresa privada. «Isto será un empuxón definitivo na modernización dun proxecto que -asume- era urxente actualizar. A Galicia campesiña e rural está xa moi presente no museo, e é necesario introducir a face urbana». Beramendi explica que se dará unha visión moi sintética da prehistoria, da cultura castrexa e da Galicia romana, para pasar á época medieval, a Galicia moderna e a contemporánea. Os séculos XIX e XX serán os grandes protagonistas deste relato.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Santiago acolle o legado Maside