Un festival, un instrumento, distintos estilos

La Voz

CULTURA

23 jul 2018 . Actualizado a las 12:30 h.

A quinta edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (ou Noia Harp Fest) busca un ano máis difundir a utilización dun instrumento que ten cabida en moitos xéneros musicais, como ben demostran os distintos concertos que inclúe a programación do certame. Entre o 31 de xullo e o 3 de agosto, Noia acollerá actuacións, obradoiros e exposicións nos que a arpa será a gran protagonista. A primeira edición, explica o seu director, o músico Rodrigo Romaní, botou a andar no ano 2014 como «un encontro puntual, pero debido á boa resposta do público, o Concello pensou que estaría ben repetilo».

Un dos atractivos do festival é que, apunta Romaní, «non hai un estilo concreto, o denominador común é a arpa, e iso permite que veña xente que fai músicas moi diferentes, como o jazz, o étnico, o folk ou mesmo a electrónica». Os concertos, detalla, «son de dous tipos: por un lado, están aqueles que chegan ao público dunha forma máis usual, con amplificación eléctrica e na praza pública, e polo outro, están os acústicos, nos que non hai amplificación e nos que se busca a proximidade do intérprete co público». Na programación, destaca o concerto de Carlos Núñez con artistas convidados, que terá lugar o 31 de xullo na igrexa de San Martiño. Outros dos recitais previstos serán o do Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia -que actuará con Alba Barreiro-, o de Zumaque Trío ou o do cuarteto feminino Lulavai. Ademais dos concertos, os asistentes teñen a posibilidade de inscribirse en obradoiros impartidos por algúns dos intérpretes, como Arianna Savall -unha das arpistas máis recoñecidas na actualidade e filla do músico Jordi Savall e da cantante Montserrat Figueras- ou o venezolano Carlos Metralleta Orozco. Para completar as actividades, tamén haberá un espectáculo infantil familiar con Elena Paz e unhas exposicións co traballo de distintos luthieres.