Polémica coa RAE polo seu consello de empregar topónimos deturpados

O BNG esixe que se desculpe polo que considera unha falta de respecto cara ao galego


redacción / la voz

«Fuera de usos oficiales, en español se recomienda usar la forma tradicional española del topónimo, que es ‘Sangenjo’». As recomendacións coas que a Real Academia Española aconsella as dúbidas que recibe de falantes e que adoita responder vía Twitter representan, segundo o BNG, un «desleixo absoluto» cara ao galego e á Lei de Normalización Lingüística. A deputada autonómica da formación nacionalista Olalla Rodil entregou onte na sede madrileña da RAE un escrito dirixido ao director e o pleno da institución no que reprocha que a entidade estea a «promover e xustificar o uso de formas deturpadas da toponimia galega, como Sangenjo, Orense o Mugía». No texto cualifícase esta práctica como «unha falta de respecto contra a lingua galega» e esixe da Academia unha «desculpa pública» aos galegofalantes.

Rodil sostivo onte que estes termos non son resultado dunha tradución, senón dun proceso de deturpación e «adaptación forzosa á lingua española» dos topónimos. Recomendar o seu uso, aínda que non sexa en contextos formais, é unha «manipulación» do idioma galego e a súa «xenuína toponimia», segundo a deputada. «Non hai ningunha tradución posible da nosa toponimia con usos como Mugía ou Sangenjo, porque non é unha tradución, senón unha deturpación que non se corresponde cos termos orixinais», engadiu.

O BNG xustificou a entrega do escrito na RAE ante «a pasividade absoluta por parte de quen deberan ser os primeiros valedores da lingua», a Xunta e a Real Academia Galega, segundo afirmou onte a deputada. «Non imos permitir nin unha soa falta de respecto máis», avanzou o política nacionalista.

Rodil tamén ve nestas actitudes os síntomas dun centralismo que concorre cunha concepción dun «poder e superioridade do español, que a RAE practica impoñendo o seu criterio sobre as outras linguas do Estado». 

Forma tradicional

Pola súa banda, a Real Academia Española declinou onte facer calquera comentario e remitiu ao apartado sobre tratamento de topónimos do Diccionario panhispánico de dudas, onde se explica a preferencia da RAE pola forma tradicional española, «a no ser que haya caído en desuso en favor de la forma local». Non é o caso de Sangenjo, segundo o artigo que lle dedicou o académico Pedro Álvarez de Miranda á cuestión no Centro Virtual Cervantes. No seu texto lembra outros seus anteriores, co obxectivo común de «preservar la integridad de la lengua castellana o española en lo que se refiere a los nombres geográficos». Álvarez de Miranda sostén que un nome oficial non equivale a nome único e que toda lingua posúe exónimos para referirse a lugares situados en territorios onde se falan outras linguas. Ao seu xuízo, non deberían furtarse estes termos aos falantes das linguas, xa que conduce ao empobrecemento deses idiomas.

Freixanes avoga por avanzar na visión das linguas como patrimonio común español

Sobre as polémicas arredor dos topónimos e as linguas a Real Academia Galega mantén unha «posición inequívoca», que a entidade invoca cada vez que debe pronunciarse: «A RAG, como institución con competencias sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece as formas recollidas no Nomenclátor de Galicia». E engade: «Á RAG gustaríalle que a RAE revisase o posicionamento que ten sobre estes temas, que non parece axeitado á realidade recoñecida».

No mesmo día no que o BNG entregou o seu escrito na sede da RAE, o seu director, Darío Villanueva, asistía en Bilbao co presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, á constitución do Padroado de Honra do centenario da Academia da Lingua Vasca ou Euskaltzaindia, que reuniu ás catro academias das linguas de España. Un encontro que Freixanes non desaproveitou para avogar pola necesidade dun posicionamento común a prol da presenza da realidade plural das linguas cooficiais recoñecidas constitucionalmente. Para o presidente da RAG, estas linguas deben ser valoradas e tratadas como un patrimonio común de toda a sociedade española.

«Necesitamos avanzar en algo que recoñece a Constitución española, pero que quedou a medio desenvolver. O patrimonio do galego, vasco e catalán non é unha cuestión exclusiva de galegos, vascos e cataláns, senón un compromiso do conxunto da sociedade española», afirmou Freixanes. «Temos que falar entre nós e facer pedagoxía social para o conxunto do Estado. Todos estamos implicados», engadiu, unhas palabras que ben poderían aplicarse á cuestión dos topónimos, aínda que non exclusivamente. «As linguas do Estado precisan unha política de igualdade. Non hai linguas de primeira e linguas de segunda», concluíu.

De Sanctum Genesium a Sanxenxo

A académica correspondente Luz Méndez publicou unha tribuna na web da RAG sobre a etimoloxía e evolución do topónimo Sanxenxo. A súa orixe atópase en «Sanctum Genesium», acusativo do nome do santo a quen está dedicada a parroquia de Padriñán e que aparece xa en textos do século XII. Ao longo da historia recolleuse o nome con distintas grafías pero a pronuncia, en galego e en castelán, debía de ser moi semellante ao actual galego Sanxenxo. Méndez argumenta que non hai unha longa tradición escrita de «Sangenjo» en castelán, agás os Nomenclátores e unha mención de 1913 nun texto de Emilia Pardo Bazán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Polémica coa RAE polo seu consello de empregar topónimos deturpados