Rosalía volveu convocar o pobo na súa casa-museo da Matanza en Padrón

Despois da subida do Ulla en embarcacións tradicionais o sábado, a xornada centrouse na derradeira morada da autora

.

redacción / la voz

A casa-museo de Rosalía de Castro da Matanza en Padrón encheuse onte de xente que acudiu ás actividades da fundación da escritora baixo o lema de Abride a fiestra. Despois da subida do Ulla en embarcacións tradicionais o sábado, a xornada centrouse na derradeira morada da autora, onde estaban programadas sesións musicais, espectáculos de monicreques, recitais e charlas, xunto coa proxección do documental de 1951 Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos, comentada por Xosé Manuel Beiras. O político mesmo se sentou ante o piano familiar de Rosalía e interpretou un par de pezas.

O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, no ocultaba onte a súa satisfacción polo éxito da xornada e por comprobar como Galicia non deixa de entusiasmarse coa escritora. «Rosalía convoca o pobo, convoca á xente», dixo. «Todo funciona con ela. É unha figura plural, que une a todo tipo de persoas, con distintas idades, diferentes sensibilidades», engadiu.

Angueira tivo palabras de agradecemento para todos os participantes nas actividades de onte, tamén para os mariñeiros que acudiron o sábado á chamada da fundación coas súas embarcacións «dende Vigo, Muros, de moitos sitios, porque do que se trataba era dunha homenaxe a Rosalía». «Por fortuna, cunha figura como Rosalía as cousas xa saen soas e todo o mundo axuda», comentou Angueira, aínda que, iso si, sen agochar o moito traballo que se precisa investir para acadar a implicación dunha xornada como a de onte. «Pero paga a pena», resumiu. «Cando ves a tanta xente arredor de Rosalía, de todas as idades, en actividades que os achegan á súa figura e á súa obra, pensas que pega a pena», manifestou, cun optimismo de cara a organizar o vindeiro ano unha nova edición de Abride a fiestra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Rosalía volveu convocar o pobo na súa casa-museo da Matanza en Padrón