Rosalía foise de festa coa xente do mar

Baixo o lema «Inchadiña branca vela», un verso da poeta, máis de 20 embarcacións navegaron a vela polos ríos Ulla e o Sar para homenaxear en Padrón á escritora

Subida en dorna de Valga a Padrón Este fin de semana se cumplen 133 años desde la muerte de Rosalía de Castro

«¡Vámonos, que a marea non espera!». Eran as tres e media da tarde de onte e na praia fluvial de Villarello, en Valga, e Salvador Allo, presidente da asociación cultural Dorna da Illa de Arousa, movía as tripulacións de máis de vinte embarcacións que debían empezar a subir polo río Ulla. Antes, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, fora chamando aos tripulantes da Roxiña, Hortelinda, Mimela, Bazarra, Daniela, Montañesa, Bandalla... Eran os nomes das embarcacións participantes na quinta edición da chamada subida en dorna que empezou en 2013 cando se facían 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. A de onte foi especial. «¡Pasaron a ponte! Pasaron o lombos do Ulla», dicía eufórico Angueira media hora antes da saída. E explicaba que era a primeira vez que subían os galeóns, «pasando a ponte de Catoira que se fixo despois de que desapareceran as dornas. Trouxemos aquí as dornas e agora os galeóns isto é un salto de calidade moi forte». Un dos galeóns chámase O Rei do mar.

Pouco a pouco, as tripulacións estiveron a bordo e foron saíndo. «Tranquilos, que esta non é unha rejata», pedía Salvador na súa dorna, e ía dando indicacións. «Pilar vamos para o medio do río», pedíalle a quen levaba a caña (temón). Unha banda de música animaba a saída e o Ulla encheuse de velas, nunha das que podía lerse: «Bicos ao mar». As bromas e chiscadelas entre unhas e outras tripulacións contrastaban cos momentos de silencio. «E, ¿como vas contar isto?... Hai que vir aquí e vivilo», sentenciaba Salvador, despois de contar como puxeron en marcha a asociación para salvar a cultura mariñeira. Outras veces empezaba a cantar «Inchadiña branca vela / antre os millos corre soa, / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / ‘Palomiña, ¡voa!, ¡voa!’». Este foi os versos que escribiu Rosalía vendo navegar as dornas polo Ulla. Cando o «vento mareiro» empuxaba a dorna e collía velocidade dicía Salvador: «¡Isto é un Ferrari

Despois de deixar o Ulla e coller o Sar un tripulante empezou na tocar a gaita. De contado, xa preto de Padrón, pedíronlle que volvera para atrás para tocar con unha gaiteira. «¡Cristina Pato! Carallo, pero esa xa é outra catejoría», dixo outro tripulante. Pero alí estaba a gaiteira que puxo a cantar a Rianxeira, no medio do río, a tódalas tripulacións. Unha momento único. O mesmo que a chegada a Padrón. Unha vez amarradas as embarcacións todas elas izaron as velas ao son do Himno do Antigo Reino de Galicia. E logo puxeron os seus remos diante de estatua Rosalía. Volveu a soar o Himno galego pero cando acabou a música, coa primeira parte, ducias de mariñeiros seguiron cantando a segunda. Rosalía parecía sorrír.

A Casa da Matanza acolle hoxe un feixe de actividades

Carril acolleu o pasado venres os primeiros actos de homenaxe a Rosalía nos que baixo o lema «quero ver o mar», unha expresión da escritora, recreouse a súa derradeira viaxe en bote desde a praia da Covacha a estación do tren. E no Museo do Ferrocarril abriu ese día a exposición Rosalía e o Carril, nunha xornada que rematou coa actuación de Najla Shami.

Dentro do festival Abride a fiestra, as últimas palabras que pronunciou a escritora antes de morrer, están os actos celebrados onte e a intensa xornada programada para hoxe na Casa da Matanza. Alí estará desde primeira hora da mañá a actriz Mónica Caamaño dando vida a Rosalía, acompañada pola música de José Luís do Pico Orjais, e amosando o mercado de produtos rosalianos que estará aberto durante todo o día.

Será a Coral de Padrón, ás 11.00 horas, a encargada de abrir unhas actividades nas que chama a atención as diferentes visitas guiadas a casa da escritora, a primeira delas, loxicamente, a cargo da propia poeta, que para iso é a súa casa.

Para o mediodía está prevista a proxección do filme Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos, un documental rodado en 1951 e no que estivo Xosé Manuel Beiras que será o encargado de comentalo. Os organizadores xa fixeron saber nas redes sociais que van pedirlle a Beiras algo máis: que toque o piano de Rosalía que, por suposto, xa foi afinado, xa que ás 18.30 horas Margarita Viso dará un mini-concerto no mesmo.

Outras visitas guiadas estarán a cargo de diversos especialistas como Pepe Barro falando das imaxes de Rosalía, Xosé Luís Axeitos da documentación sobre a escritora, de Pilar García Negro, Rosalía rebelde e feminista, ou Manuel Lourenzo Baleirón sobre a escritora e a súa terra.

Espectáculo de monicreques para os máis pequenos, regueifas ou un recital poético musical son outras actividades programadas para unha xornada que pechará Mercedes Peón con unha visita guiada as 20.30 horas e un concerto as 21.00.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Rosalía foise de festa coa xente do mar