A Real Academia recoñece a Fraguas por recompilar e dignificar a linguaxe do pobo

Mila Méndez Otero
MILA MÉNDEZ A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Fraguas, retratado no salón da súa casa, en agosto de 1999, cando se creou a súa fundación
Fraguas, retratado no salón da súa casa, en agosto de 1999, cando se creou a súa fundación ALVARO BALLESTEROS

O autor imponse na votación a Carvalho Calero e será homenaxeado coas Letras Galegas do 2019

08 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«A Academia, coa voz do pobo». Visiblemente satisfeito co resultado acadado, o académico Xesús Alonso Montero resumía así, á súa saída da sala de prensa, a elección na que o nome de Antón Fraguas (Cotobade, 1905-Santiago, 1999) venceu ao de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990). O escritor, historiador e etnógrafo pontevedrés será o autor ao que se lle dediquen as Letras Galegas do 2019. A súa candidatura gañou ao sumar 16 votos fronte aos 8 que obtivo a do profesor ferrolán. Houbo tamén unha abstención. «Non foi preciso recorrer a unha segunda ou terceira volta, como acontece moitas veces», destacou o presidente da institución, Víctor Fernández Freixanes. «Escollemos a reivindicación da memoria popular, da cultura e da lingua do pobo, da que se fala dende abaixo e resistiu durante séculos a apisoadora da historia», sostivo Freixanes.

Premiar o legado popular

A candidatura de Fraguas, que foi impulsor e presidente do Museo do Pobo Galego, contou coa defensa dos académicos Pegerto Saavedra, Andrés Torres Queiruga, Salvador García-Bodaño e Francisco Díaz-Fierros. Este último foi o encargado de argumentar os motivos que levaron a decantar a balanza polo pontevedrés. «Dende os 18 anos a súa vida foi recuperar do esquecemento as costumes, o mundo da cultura popular», expuxo Díaz-Fierros, en alusión aos traballos de recompilación de cantigas, refráns e obras populares. «Falar con don Antón Fraguas era estar falando coa fonte máis directa e viva do que era o noso mundo. Un mundo, o campesiño, que se estaba desartellando, que desaparecía», xustificou o xa xubilado profesor de Edafoloxía da Universidade de Santiago (USC). Porque, como sinalou, neste patrimonio inmaterial están «os alicerces da nosa cultura, do galego que hoxe falamos».

Escritor «e falador en galego», apuntou Freixanes, «e galeguista represaliado», incidiu Marilar Aleixandre, Fraguas deixou «unha obra de densidade» composta por máis de 300 publicacións, entre libros, traballos de investigación e artigos en prensa. En todo caso, quixo aclarar o presidente da Real Academia, «o debate foi vivo e apaixonado» antes da votación secreta. A rolda de prensa na sede da rúa Tabernas na que se deu a coñecer o nome do gañador comezou con máis de media hora de retraso, pasadas as dúas da tarde. E, aínda que o autor de Galicia insólita saíu elixido por unha ampla marxe, tanto Fraguas coma Carvalho Calero, recoñeceu o máximo responsable da Real Academia, son «dúas grandes figuras da literatura galega. Non é doado posicionarse». Desta volta, rematou, «a grandeza dun patrimonio que construíron os nosos devanceiros, a veces sen saber ler nin escribir», é a mensaxe que a RAG quere transmitir á sociedade galega para manter viva a lingua.

Ricardo Carvalho Calero, o eterno candidato, queda de novo fóra

Á sétima tampouco foi a vencida para Ricardo Carvalho Calero. O que foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago, parte activa do proxecto fundacional da Editorial Galaxia e autor de obras como Xente da Barreira, non será no 2019 o protagonista da festividade que se celebra cada 17 de maio dende 1963 en Galicia. A súa candidatura, plantexada por académicos como Xosé Luís Axeitos, antigo secretario da Real Academia e persoa vinculada a Xosé Luís Méndez Ferrín, é un clásico nesta votación.

Malia que desta volta a elección parecía máis axustada, a proposta de Fraguas fíxose co dobre de votos no pleno ordinario celebrado onte. «Estamos ante dous auténticos monumentos da lingua e da cultura galegas. O debate neste senso sempre é enriquecedor», admitiu Víctor Fernández Freixanes ao ser preguntado pola selección.

Que o ferrolán non forme parte do listado de autores recoñecidos no Día das Letras é unha «débeda» pendente co galeguista, segundo colectivos como a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da que son coñecedores na rúa Tabernas. «A Academia é consciente de que a candidatura de Carvalho Calero é moi importante. Estamos seguros que haberá un momento no que tamén sairá», avanzou Freixanes. A porta queda aberta, por oitava vez, para que o escritor poida convencer aos académicos.

Erudito da historia e a antropoloxía de Galicia

xesús fraga

A xeración que se comprometeu co galeguismo nos esperanzados anos previos á guerra acometeu un verdadeiro proxecto de estudo, dignificación e proxección de Galicia e a súa cultura, cunha certa especialización entre os seus compoñentes. A historia, pero especialmente a antropoloxía e a etnografía, foron os eidos nos que Antón Fraguas Fraguas traballou con máis intensidade.

Naceu en Cotobade en 1905 e sería a súa bisbarra na que iniciaría os seus primeiros estudos sistemáticos, unha vez desprazado para estudar Filosofía e Letras a Santiago, onde tamén foi admitido en 1928 no Seminario de Estudos Galegos, nas súas seccións de Xeografía, Etnografía e Folclore. O Seminario nacía dunha visión totalizadora da cultura galega, abarcando dende a historia ás letras, dende as ciencias á arte, co idioma propio como vehículo de análise e produción científica. A xeografía histórica de Galicia foi unha das áreas de traballo de Fraguas.

O golpe de Estado de 1936 e a guerra trouxeron, entre moitos outros reveses para esta xeración, o desmantelamento do Seminario. Para Fraguas en concreto, supuxo tamén a depuración do seu posto na docencia pública, polo que tivo que recorrer ao ensino privado. Tras esta readmisión formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do que foi bibliotecario, e contribuíu, canda os demais intelectuais que sobreviviran á guerra e non se exiliaran, a marcar un rumbo na liña dos obxectivos do antigo Seminario.

A partir de aquí Fraguas encetou un activo labor institucional, que se ampliou coa súa incorporación en 1956 á Real Academia Galega -na cadeira de Castelao- cun discurso orientado pola súa orixe e a disciplina etnográfica: Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Nomeado director do Museo Municipal de Santiago, a entidade acabaría por transformarse no Museo do Pobo Galego, onde sucedeu a Xaquín Lorenzo -homenaxeado no Día das Letras do 2004- á súa morte en 1989. O pasamento de Fraguas chegaría dez anos despois, en 1999.

Publicacións

Como outros especialistas das ciencias sociais, Fraguas deixou moita obra espallada en revistas científicas e outras publicacións, especialmente os cadernos das entidades das que formaba parte ou dirixiu. Aínda que tamén fixo algunha incursión na narrativa -O conto de Serafín e O santuario da Franqueira, para a colección do Castromil-, o máis abondoso e importante da súa obra é de carácter ensaístico.

A tradición oral popular, os cancioneiros e as coplas, o entroido e as tradicións vinculadas a romarías e santuarios ocuparon en boa medida a súa atención, aínda que tamén cultivou a biografía -como a de Murguía- e preparou edicións de escritores como Celso Emilio Ferreiro ou Iglesia Alvariño. Romarías e santuarios foi un dos seus libros máis difundidos, como tamén gozou de popularidade Galicia máxica e Galicia insólita, publicado este último en castelán. Do entroido e Literatura oral en Galicia son outras mostras da súa sabedoría e do seu empeño por afondar nestes aspectos da cultura galega.