O Festifolk confíalle aos gaiteiros o coidado da música do país

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Promovido por La Voz, Calvo e o Concello de Carballo, grupos da Costa da Morte tomaron onte parte nun encontro que pechou Milladoiro

08 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende Cabana, dende Muxía, dende Laxe, dende Caión, dende Carballo e dende terras coruñesas chegaron onte gaiteiros ao Festifolk Costa da Morte. A cuarta edición deste encontro organizado por La Voz de Galicia, Conservas Calvo e Concello carballés volveu poñer de manifesto o carácter de herdeiros do son do país que posúen estes grupos de música tradicional encargados de manter vizosa a banda sonora dunha terra enteira. Quixo acompañalos a todos eles un día de verán e así a noite foi cubrindo á tardiña, mentres os gaiteiros percorrían as principais rúas de Carballo. Nenos, mozos e xa ben veteranos, facendo gala das familias formadas en torno á gaita e á música tradicional. A súa actitude, a súa festa, merece todos os destacamentos do día.

Comezara o encontro co Proxecto Nordés, grupo folk da Escola de Música de Cee, moi ben recibido polo público. Xa aí un deses agrúos, o laio e máis o grito de xúbilo da Galicia tradicional. Non faltaron logo no percorrido, co que foron levantando á xente das terrazas, asomando á ventá a quen xa se retirara, movendo os pés dos máis novos e recollendo os aplausos daqueles que observaban o descorrer sentados. Onde hai gaita hai alegría, tivérase dito días atrás. «A nosa música tamén merece festa», afirmou o alcalde, Evencio Ferrero, logo de chegar todos os gaiteiros á praza. O Festifolk é un tributo á música galega, unha homenaxe a quen soubo gardar «os sons do Atlántico», os «sons eternos», como describiu a fala da gaita o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras. Herdeiros da historia, depositarios dun saber, portadores dunha vida que sempre acompaña este instrumento, ese mesmo que arrola nacementos e mortes, como tivera dito outro gaiteiro. A todos eses músicos tantas veces anónimos quixo recoñecer onte o Festifolk dende Carballo: «Hai unha débeda con eles», apuntou Luciano Calvo, en representación da Fundación Luís Calvo. Van os folos cargados de melodías transmitidas de vellos a novos e logo engrandecidas. Tivo este encontro un galardón para dous «gaiteiros insignes», membros da lonxeva formación Milladoiro, encargada de pechar a festa co seu disco Atlántico. «Nos nosos temas, sempre algo de Bergantiños», agradeceu Pepe Ferreirós o premio, no seu nome e no de Nando Casal. Soou logo, conxunta, a Marcha do Antigo Reino de Galicia.

«Isto é mérito de todos vós»

«Isto é merito de todos vós. E de todos eses músicos que, a pesares dos pesares, e moitas veces en condicións nada agradables, seguiron loitando para que a nosa música estea onde ten que estar». Son as palabras de Xosé Vicente Ferreirós, gaiteiro e cofundador de Milladoiro. Pronunciounas onte, ao lado de Nando Casal, tamén recoñecido, cando se lles entregou o Premio Gaiteiro do Festifolk. Foi a mensaxe que el lle quixo trasladar aos integrantes da Banda Municipal de Gaitas de Carballo, de O Son do Castro (Borneiro, Cabana), de Xaramiños do Corpiño (Muxía), de Arume de Caión (A Laracha), de Farrapos de Cesullas (Cabana), de Maruxía de Laxe e tamén de Millo Verde (Cambre). Ferreirós, como o propio espírito do Festifolk, reverteu nos gaiteiros de a pé destas formacións, as onte presentes no encontro de Carballo, o protagonismo da música tradicional, o ter chegado a onde se chegou. «Para tocar a gaita fai falta peito, o mesmo que para que este país teña futuro», tíñalles dito antes Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo.

O futuro

Foron cualificados de «depositarios da memoria musical de Galicia», matriz de novas fornadas como as que onte se exhibiron en iniciativas como Proxecto Nordés. «Herdeiros e defensores desa música que nos fai estar no mundo, como o idioma, desa música que nos fai únicos», contáralles tamén Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. Animou el a continuar co Festifolk, un festival que naceu co afán de quedar, e convidou tamén a gozar dunha noite de reencontro coas tradicións a través dos corenta anos de traxectoria de Milladoiro.

Nin a recollida de pezas, como teñen feito a base de fontes como Saturnino Cuíñas, nin tampouco a actualización e proxección de melodías tería sido posible sen gaiteiros como os que protagonizaron onte o encontro en Carballo. Un pracer para Milladoiro -dixo Ferreirós- ser recoñecidos en Carballo, terra que visitaron xa, alomenos, tres veces. Unha delas, lembrou Luciano Calvo, sendo el presidente da comisión de festas. Tempo, pois, para volver sempre. Como a propia música galega.