Carvalho Calero e Fraguas volven polarizar a Academia de cara ao Día das Letras 2019

As dúas candidaturas propostas á homenaxe do próximo 17 de maio evidencian a fenda no seo da RAG, que a saída de Ferrín acrecentou


Redacción / La Voz

Antón Fraguas ou Ricardo Carvalho Calero. Ese o gran dilema. ¿Quen protagonizará a homenaxe do Día das Letras do 2019? A disxuntiva resolverase esta mañá na Real Academia Galega (RAG). Ás 11.30 horas está convocado o plenario que debe elixir entre as dúas figuras citadas, ambas de incuestionable lexitimidade. Unha vez máis non foi posible o consenso. Houbo en marcha unha iniciativa para tratar de presentar unha candidatura única ao redor do profesor ferrolán Carvalho Calero, pero quedou truncada, un fracaso que evidenciou a división que parte en dous a Academia, polarizada entre a corrente oficial que hoxe, poderíase dicir, representa o presidente da institución, Víctor Fernández Freixanes, e o grupo aglutinado en torno á figura de Xosé Luís Méndez Ferrín, que, poderíase dicir, ten en Xosé Luís Axeitos unha das súas cabezas visibles. As feridas, afondadas tras a dimisión de Ferrín como presidente da RAG e a súa marcha, seguen aí e afloran en canto hai unha decisión transcendente sobre a mesa.

Os académicos Salvador García-Bodaño, Pegerto Saavedra, Andrés Torres Queiruga e Francisco Díaz-Fierros son os propoñentes de Fraguas. Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro, Francisco Fernández Rei e Manuel González, os de Carvalho Calero, un proxecto que xa conta coas adhesións expresas de Chus Pato e Xosé Luís Regueira.

Esta mañá, na sede de Tabernas, o plenario -que dá cabida a 30 académicos, pero debe contar coas faltas de Ana Romaní, que aínda non tomou posesión formal, e o propio Ferrín- abrirá coa defensa dos candidatos polos seus respectivos propoñentes. Isto dará paso a un debate, que prevén non alongar moito máis aló de dúas horas. Rematada a discusión haberá unha primeira votación secreta, que precisa dunha maioría simple -sobre a suma dos presentes e os votos chegados por correo-. De non alcanzar esa maioría requirida, unha segunda votación daríalle a vitoria á candidatura máis votada.

Un prognóstico rápido concédelle o trunfo a Fraguas -xa que os ferrinistas son minoría-, pero o carácter persoal e secreto da votación fai que o resultado sexa unha incógnita, imprevisible, segundo académicos consultados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Tags
RAG
Comentarios

Carvalho Calero e Fraguas volven polarizar a Academia de cara ao Día das Letras 2019