O Observatorio da Lingua Galega pon o foco na divulgación a través da nova web

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Celebra o seu décimo aniversario ampliando contidos informativos e accesibilidade

05 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Observatorio da Lingua Galega vén de cumprir dez anos. Lonxe de acomodarse na súa posición, como referente informativo en materia lingüística, encara o futuro fixándose novos obxectivos. E o primeiro deles pasa pola renovación da súa web para obter un maior alcance e divulgación dos seus contidos.

O novo portal supón unha «versión actualizada dunha ferramenta xa consolidada como referente no eido das linguas, que nos ofrece cumprida información da actualidade lingüística [tanto en Galicia como noutras rexións do planeta] e os resultados de estudos que permiten orientar as políticas públicas de promoción do galego», indicou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, na presentación en sociedade da renovada web.

Entre as novidades, destaca unha imaxe máis moderna e dinámica, na que se reduciron as seccións e se ampliaron os contidos informativos para mellorar a súa accesibilidade. Ademais, estrea dominio (www.observatoriodalingua.gal) e adáptase á última regulación de protección de datos, explicou Miguel Costas, representante da consultora Eosa, empresa encargada do novo deseño do portal.

Multidispositivo

Tamén colaborou no proceso a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), representada pola súa directora, Mar Pereira, quen reparou no labor de poñer a tecnoloxía ao servizo do coñecemento da lingua galega e destacou que se fixo un portal temático preparado para os novos dispositivos.

Os contidos agrúpanse agora na páxina de inicio en seis bloques de información. O primeiro nivel da paso ás cinco seccións de referencia dentro do observatorio, seguido dos enlaces destacados, as últimas novas -actualízanse a diario-, a axenda de actividades, os accesos directos a documentos de interese (como o dicionario inglés-castelán-galego para hostalería ou a hemeroteca de boletíns do observatorio, que recompila as máis de 500 publicacións realizadas nestes últimos dez anos).

E, ao fondo da web, inclúese unha chamada para subscribirse ao boletín semanal. Este seguirá chegando cada xoves, puntual, aos enderezos electrónicos das persoas inscritas para ofrecerlles unha relación de novas de Galicia, España e do resto do mundo, baixo un deseño no que prima o contido gráfico.

Proxectos activos

Costas explicou que o portal inclúe unha nova sección, a de Proxectos, onde figuran as iniciativas actuais que impulsan a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o propio Observatorio da Lingua Galega. De igual modo, os usuarios terán á súa disposición na sección de Información documentos desta e doutras entidades externas. E, na de Recursos, hai unha serie de aplicacións multimedia que van dende tradutores, correctores e dicionarios, ata campañas lingüísticas de distinta índole.

O obxectivo de todo, segundo sinalou Valentín García, é facilitar «unha ferramenta moi útil para analizar o día a día, que adquire contidos que chegan dos máis diversos ámbitos, dende a educación, medios de comunicación ou cidadanía, ata dos países asiáticos».

Máis de 16.000 noticias en dez anos e un centenar de países conectados

Nestes últimos dez anos o Observatorio da Lingua Galega, que se constituíu como un instrumento divulgativo e informativo de acceso libre e de balde, publicou máis de 16.000 novas sobre linguas nos seus 500 boletíns e superou xa as 1.200 subscricións e o centenar de países conectados dos cinco continentes. Consúltao un perfil heteroxéneo de persoas interesadas polas linguas, dende mestres ata organizacións, tanto da rexión galegofalante coma da Galicia no exterior. Actualmente o portal do observatorio alberga contidos en castelán e galego, aínda que no seu momento tamén incluíu unha terceira versión en inglés. Neles amósase a situación da lingua galega en diferentes ámbitos sociais, ao tempo que se informa dos pasos que dan noutras rexións no eido lingüístico.