Música, teatro e poesía para lembrar a Rosalía o 15 de xullo

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A Casa de Padrón celebrará unha xornada de portas abertas

04 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Rosalía de Castro de Padrón conmemora o 15 de xullo a data do pasamento da escritora e faino cunha proposta novedosa: un festival que conxuga poesía, música, teatro e mesmo inclúe unha feira de produtos que teñen como referencia a figura da escritora. O festival titúlase Abride a fiestra, en alusión ao comentario que fixo Rosalía no seu cuarto da Casa da Matanza para ver o mar. A cita, que se celebra o 14 e o 15 de xullo, foi presentada onte nese cuarto nun acto ao que asistiron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e representantes das tres institucións que apoian o festival e o traballo da institución: Concello, Deputación e Xunta. O certame tamén conta co apoio de dúas entidades privadas: adegas Paco & Lola e vermú Petroni.

Os actos conmemorativos arrancarán, por primeira vez, en Carril, o día 13 de xullo, cunha exposición no Museo do Ferrocarril. Xa en Padrón, o 14 celebrarase a actividade Inchadiña Branca Vela, a tradicional subida en dorna dende Valga á vila polos ríos Ulla e Sar e na que participarán distintos tipos de embarcacións.

O día grande do festival será o 15 de xullo, cando a Casa de Rosalía celebrará unha xornada de portas abertas. A música, o teatro e a poesía serán protagonistas con nomes como Mercedes Peón, Habelas Hainas, Najla Shami, Cintaadhesiva, a pianista Margarita Viso ou a Coral Polifónica Padronesa. O público tamén poderá ver unha feira de produtos rosalianos.

Anxo Angueira destacou onte a importancia das visitas que haberá ese día, guiadas por especialistas como Mercedes Peón, o deseñador Pepe Barro, o académico Xosé Luís Axeitos, a profesora Pilar García Negro ou o estudoso da horta rosaliana Carlos Dacal. Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa con espectáculos de monicreques.

Ademais, para os que gustan da improvisación oral non faltará a regueifa da man de Alba María e dunha das figuras emerxentes deste xénero en Galicia, Xairo d’Herbón, fillo doutra referencia, Pinto d’Herbón.

Proxección internacional

O presidente da Fundación Rosalía explicou onte que decidiron cambiar o acto institucional do 15 de xullo por unha xornada de portas abertas para atraer a público de todas as idades, movido pola poesía, a música e o teatro. Ese día a Fundación entregará a Rosa de Rosalía á familia Sixto Seco. A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, felicitou a iniciativa da entidade rosaliana, sobre todo por «facela aberta a toda a cidadanía», dixo. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, lembrou que Rosalía é un elemento de proxección internacional por si mesma pero tamén para o concello e ofreceu todo o seu apoio á fundación que leva o seu nome. Por último, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, falou da «tremenda proxección de Rosalía» máis alá do ámbito literario e cultural, de modo que abrangue a toda a sociedade, afirmou.