A Academia vindica a música do padre Manuel Feijoo

Acolleu a presentación do volume que reúne as partituras que o franciscano escribiu para autores senlleiros das letras galegas

.

Redacción / la voz

«Manuel Feijoo foi capaz de xuntar todas as influencias populares coas que conviviu con aquelas ás que tivo acceso durante a súa formación para facer unha música que xorde do pobo e que vai destinada sobre todo ao pobo». Quen así fala é Carlos Núñez Deza, responsable do selo ourensán Armonía Universal, que trata de condensar a esencia da obra do padre franciscano, preservada xa para sempre nesta coidada edición. Foi nun acto que acolleu onte a Real Academia Galega no que se presentou o terceiro e último volume dun proxecto que compila o legado do compositor ourensán: Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra, centrado nas pezas que creou para poemas de grandes figuras das letras galegas. No encontro -no que participaron tamén o coordinador da edición e sobriño do músico, Enrique Mourille e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes- soou a música do homenaxeado interpretada polo grupo Resonet.

Rosalía de Castro

As voces e os sons da zanfona, a gaita e a percusión, a tiorba e a guitarra abriron e pecharon o concerto coas composicións de Feijoo para dous poemas de Rosalía de Castro, Nasín cando as prantas nasen e Eu cantar, cantar, cantei. A escritora fundacional das letras galegas contemporáneas mereceu boa parte dun repertorio que incluíu, xunto a outras pezas escritas para versos de Alberto Camino ou Rey Romero, o Pranto por Basilio [Carril] que Feijoo escribiu tras o pasamento en 1974 do gaiteiro veciño de Compostela, ou o popurrí Galicia en Europa, que mestura fragmentos de composicións de Beethoven e o mestre Baldomir.

Música da nosa terra sae do prelo tras veren a luz outros dous títulos, un centrado na súa música polifónica, que inclúe as cinco misas que compuxo, e outro, coa súa música de Nadal.

As súas composicións funcionan, anota Núñez Deza, «como unha banda sonora para os escritores máis significativos das nosas letras; [...] a música non leva o protagonismo, pero si acompaña a letra e así pona en valor».

Feijoo (1926-1992), natural de Outomuro, Cartelle, mergullouse no mundo musical e literario no Seminario de Santo Antonio de Herbón, onde se formou desde os 13 anos e máis tarde foi organista e profesor. Fundou varios coros, como os infantís de Herbón e Ponteareas e, xa en 1966 e establecido en Santiago, o Orfeón Terra a Nosa, co que chegou á súa máxima efervescencia creadora e fixo xiras internacionais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

A Academia vindica a música do padre Manuel Feijoo