Ánxela Gracián, premio Pura e Dora Vázquez por «As historias da ogra Pinta»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora luguesa vén de gañar coa obra As historias da ogra Pinta a nova edición do galardón de literatura infantil e xuvenil

28 jun 2018 . Actualizado a las 13:16 h.

A escritora luguesa Ánxela Rodríguez Rodríguez (1968), coñecida polo pseudónimo de Ánxela Gracián, vén de gañar coa obra As historias da ogra Pinta (presentada baixo o lema A ogra pinta e as chulas) a 15.ª edición do premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros e que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado, que deu a coñecer a súa resolución trala reunión mantida onte no centro cultural Marcos Valcárcel, sinalou que o relato «transmite valores sociais moi importantes, como é o de non ter prexuízos iniciais sen ter pleno coñecemento das cousas». Asemade, explica, trátase «de pequenas historias de aventuras nas que se desenvolven as vidas de rapaces dunha pequena aldea galega, cun entorno natural fermoso e cheo de feitizos». Así mesmo, o xurado dixo que os personaxes «semellan ser malvados, pero ao final sempre teñen bondades».