La Voz convoca unha nova edición dos Relatos dos Lectores

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Oblongo

Os textos seleccionados publicaranse no xornal en agosto

24 jun 2018 . Actualizado a las 00:33 h.

La Voz de Galicia convoca este agosto unha nova edición de Relatos de Verán, unha iniciativa que dá cabida ás inquedanzas literarias dos seus lectores. Durante este mes, o xornal publicará unha selección dos textos enviados polos participantes, que ademais optan a gañar un premio. Para os menores de 16 anos o galardón será unha tablet, mentres que para os que teñan esa idade ou a superen a recompensa será unha viaxe a Dublín.

 Nesta 19.ª edición dos Relatos dos Lectores a mecánica do certame segue a de anos anteriores. Poderán participar todas as persoas que o desexen, con relatos escritos en galego ou castelán, sempre que sexan inéditos. Ademais, haberán de respectar unhas condicións: non deberán exceder de 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o que equivale a uns 2.100 caracteres con espazos incluídos.

Os orixinais haberán de enviarse acompañados cos datos do autor -idade, nome, DNI, enderezo, teléfono, profesión e, a ser posible, unha breve biografía e unha foto de tamaño carné- e co texto en soporte informático. Os menores de 14 anos deberán ser remitidos polos seus pais ou titores legais, debidamente autorizados e cos seus propios datos.

As obras deberán enviarse á dirección de correo «19.ª edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da prensa, parcelas 84-85. Polígono Industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña» ou por correo electrónico a relatos@lavoz.es.

Ata o día 25 de xullo

O prazo de presentación de orixinais ábrese mañá, día 25 de xuño, e permanecerá aberto ata o vindeiro 25 de xullo.

Un xurado seleccionará de entre todos os recibidos os relatos que se publicarán durante o mes de agosto nas páxinas de La Voz de Galicia mais na súa edición dixital.

Serán os lectores cos seus votos quen determinen os gañadores de cadansúa categoría. Os menores de 16 anos optan a unha tablet, mentres que os que superen esa idade poderán recibir como premio unha viaxe para dúas persoas a Dublín, capital europea literaria, segundo a Unesco. O galardón inclúe avión ida e volta, con saída dende Galicia, estancia de dúas noites en hotel en habitación dobre en réxime de aloxamento e almorzo, ademais dos traslados entre o aeroporto e o hotel.

Votación por cupóns

Para votar, La Voz publicará nas súas páxinas os cupóns cos que os lectores poderán elixir os seus favoritos e que deberán remitir ao periódico. Non se admitirán fotocopias, como tampouco computará o sistema de valoración mediante estrelas na edición dixital. Os autores gañadores daranse a coñecer nas páxinas de La Voz durante o mes de setembro.

Todos os remitentes de cupóns entrarán nun sorteo dun lote de libros, unha selección do selo Biblos Clube de Lectores.

As bases completas están a disposición dos lectores na edición dixital de La Voz, no enderezo www.lavozdegalicia.es/cultura/.