«A música tradicional sempre foi un misterio bastante insondable»

Dolores Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Treixadura arranca hoxe a súa xira de verán co seu último traballo «Inda canto!»

23 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Inda canto! non deixa dúbidas sobre o labor de Treixadura, un grupo que celebra os 28 anos con este sétimo traballo no que mantén a defensa dese imaxinario colectivo que é a música tradicional. Toño Domínguez (Campo Lameiro, 1973), integrante do coro desta formación de 15 membros, recoñece que este é un «bo ano», cando arrincan esta noite na Estrada unha xira na que ata outubro teñen confirmados 25 concertos. A necesidade do disco non a vían como urxencia, simplemente «é un proceso natural, o anterior si tiña o pretexto claro do 25.º aniversario do grupo e foi un directo para facer unha revisión do repertorio», di Domínguez. É só un chanzo máis dun camiño no que «precisas renovarte» nos recitais e pouco a pouco introducir cambios e novas pezas. No álbum hai música tradicional, pero «non é o que máis peso ten», parte son pezas de autor, a maioría de Paulo Nogueira, ou de repertorios de coros tradicionais dos que tampouco queda clara a autoría. E tamén as achegas de Xaquín Xesteira.

O labor de Treixadura medra de modo orgánico, nin sequera pensan que fagan no disco unha vindicación dos cantos da taberna. «Non é tanto unha reivindicación coma unha execución, facémolo sen máis, gústanos, é o que levamos facendo toda a vida, se iso significa reivindicar facémolo», incide. O seu é un pracer polo canto tradicional de toda a vida, o canto de taberna e os coros tradicionais, «dos que si se fixo unha reivindicación cando o orfeón naceu, pero no resto é algo que o sentimos como natural. Non necesitamos propoñer se hai que reivindicalo, é unha cuestión máis de facto que de intención».

Domínguez lembra que unha das cousas que vía, cando Treixadura comezou polos anos 90, «é que foi un grupo que soubo afrontar a musical tradicional e subir a un palco cunha dignidade extraordinaria, que non vira antes», subliña. Toda a vida fora gaiteiro e apreciaba a forza, a dignidade que tiveron ao subirse a un palco vestidos de gaiteiro, «como non se fixera antes a ese nivel, a dar un concerto como pode facer calquera artista pop». Hoxe en día, engade, a intención segue a ser a mesma e explica que «un grupo de gaiteiros, que non haberá grupos deles, e no fondo Treixadura non é máis que un, siga».

«A innovación non ten xeito»

Preguntado polas novidades que incorpora Inda canto!, é tallante: «Na música tradicional a innovación non ten moito xeito, quen o escoitou apréciaas, é un disco un pouquiño distinto». A música tradicional deféndese soa, «sempre foi un misterio bastante insondable, e en Galicia ten vida real moito máis activa do que parece». A súa presenza en programas como Luar ou o exitazo de audiencia do Alalá foi tremenda, enxalza Domínguez, que apunta que «seráns e encontros desta música hai por toda Galicia todas as fins de semana practicamente». Ten moitísima máis saúde do que a xente se cre, insiste para deixar unha crítica: «Quizais o que falta é que institucionalmente se teña á música tradicional como algo propio, e sinal de identidade que nos define, como a lingua ou outras cousas».