O Dicionario da Real Academia Galega ábrese ao léxico do universo Internet

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«Nube», «ciberataque», «ciberacoso», «ciberseguridade», «ciberdelito», «blogosfera», «conectividade» e «xestor de comunidade» son algúns dos novos termos incorporados

23 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) non pode permanecer allea ao veloz paso dos días, á modernidade, aínda que esta estea dominada pola inestabilidade propia dos tempos líquidos ou da vida dixital. Un xa podía topar no Dicionario da RAG termos como web, cedé, blog e outros. Na súa última revisión dálle un impulso definitivo á presenza do léxico relacionado coas tecnoloxías da información, da comunicación, cos mundos de Internet, un obxectivo que debe ser acadado de forma progresiva, sen présas pero sen pausa. Ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade, ciberdelincuencia, ciberdelito, conectividade e blogosfera son algún dos novos termos aceptados, que son só acepcións nos casos de nube -como espazo de almacenamento virtual- e xestor(a) de comunidade -como voz propia para o anglicismo community manager, é dicir, experto en marketing dixital que asume a xestión e o desenvolvemento da comunidade on-line dunha empresa ou marca no ámbito dixital.

A isto súmanse desde onte outras entradas visibles no Dicionario como claqué ou microscopia. Estes termos e as correspondentes definicións foron sancionados polo Seminario de Lexicografía da RAG, plataforma que non descansa como non descansa a lingua e que entre xaneiro e a primeira quincena de xuño revisou, ademais, por orde alfabética, preto de 2.200 voces desta ferramenta. Neste mesmo período, as novas entradas, as novas acepcións en termos xa recollidos no Dicionario e os cambios nas definicións foron preto de 350. Ata 168 novas voces e actualizacións corresponden a termos matemáticos revisados co asesoramento de especialistas de distintos eidos, un labor que xa foi presentado o pasado marzo. Entre as palabras aceptadas durante o primeiro semestre do 2018, figuran outros termos presentes na lingua viva como rap, baremar ou tripi -na versión dixital do Dicionario desde abril.

«Aporofobia»

Incorpóranse tamén vocábulos como rendibilizar (ata agora só se recollía o adxectivo rendible), colaborativo, corremundos, aparcacoches e aporofobia («medo, rexeitamento ou aversión aos pobres ou desfavorecidos») e aporofóbico (o seu adxectivo), uns neoloxismos creados pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina, nos anos 90.

As novas entradas e cambios no Dicionario poden ter orixes distintas, explica a RAG. Os propios membros da institución achegan propostas decote, pero a Academia tamén permanece atenta ás que recibe de particulares e institucións, a través de distintas canles, desde o correo postal á lapela do Dicionario Axúdanos a mellorar, visible tras a definición de calquera termo, e mesmo as redes sociais.