Ribadavia estreará as montaxes teatrais de Pippo Delbono e Marianella Morena

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

A feira MIT traerá tamén a Galicia «The Table», premio no Fringe de Edimburgo

16 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia reforzará na edición 2018 a súa aposta pola presenza internacional, ao tempo que manterá o seu compromiso pola igualdade -asinado na pasada edición-, potenciará o teatro de rúa e as presentacións de publicacións e a celebración de cursos de formación. A MIT desenvolverase do 14 ao 22 de xullo na capital do Ribeiro e entre as propostas que se inclúen no programa presentado onte hai que salientar as tres estreas internacionais -dúas delas con carácter estatal e a outra a nivel galego-. A Mostra estreará en España as montaxes La Goia, do artista italiano Pippo Delbono, e Ella sobre Ella, da directora e dramaturga uruguaia Marianella Morena. O director da MIT, Roberto Pascual, lembrou que Delbono e Morena «son dous grandes nomes do teatro contemporáneo internacional».

Para a xornada de clausura tamén se apostou por outra primicia. Neste caso poderá verse por vez primeira en Galicia, no auditorio do Castelo de Ribadavia, a montaxe The Table, de Blind Summit. Pascual salientou o feito de que a obra «foi premio do Festival Fringe de Edimburgo e é un dos mellores espectáculos do mundo segundo varios medios como The Guardian, Sunday Telegraph ou Chicago Sun Tribune». Na sección Tempadas de Igualdade o festival escénico programou as montaxes asinadas polas creadoras de A Panadaría, De Vacas, Marianella Morena, Natalia Menéndez, Laila Ripoll -que impartirá un obradoiro-, Cristina Collazo, Lanördika e Lali Álvarez.  

«Commedia...» 25 anos despois

A xornada inaugural da MIT 2018 chegará cunha estrea absoluta para reivindicar á propia Mostra e ao teatro galego. En 1993 estreábase en Ribadavia Commedia, un xoguete para Goldoni, de Cándido Pazo. Un cuarto de século despois, e nunha coprodución entre a Mostra e a compañía de Pazó, volverá ao punto de partida un dos espectáculos que rematou converténdose nun dos fitos da historia da escena galega -con máis de 200 funcións en toda a Península e Francia-. Para a ocasión o reto foi «repetir no posible o mesmo equipo creativo».

No apartado de espectáculos de rúa contarase coa presenza de obras como Emportats, dos valencianos de La Trócola; Rojo Estándar, de Lanördika -obra que fusiona danza e circo e que está dirixida por Rosa Díaz, fundadora de La Rous-; Musicoloco, de Fuman Artist; ou Ez Sub, dos portugueses Projecto EZ. 

Teatro nas viñas do Ribeiro

A adega Viña Costeira está a celebrar o seu medio século de historia. Así, nas instalacións da firma presentouse onte o programa da MIT, e entre as propostas deste ano figuran Io Circo e Iventi Teatro, que ofrecerán «teatro nun autobús entre as viñas do Ribeiro». Toda a programación da MIT 2018 pode consultarse en www.mitribadavia.com.