A Lei de Normalización Lingüística cumpre 35 anos en Redondela

O Concello pontevedrés foi o primeiro que tivo un servizo técnico para aplicar a norma


vigo / la voz

O Concello de Redondela tivo un servizo de normalización lingüística antes incluso de que houbera unha lei que regulase o papel do idioma galego na vida pública. Ese foi o motivo polo que o Parlamento de Galicia e a Xunta centraron na vila pontevedresa os actos conmemorativos do 35.º aniversario da aprobación da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística.

Ata a Casa da Cultura redondelá achegáronse onte representantes da sociedade galega para lembrar a lei, pero tamén para distinguir o papel desenvolvido por esa vila e os protagonistas que impulsaron a normalización do galego, tanto o que fora alcalde Xaime Rei como Xosé González, primeiro responsable do servizo.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou na conmemoración xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Redondela, Javier Bas, Xesús Alonso Montero, o propio Xosé González, a deputada Pilar Rojo e o cantautor Luis Emilio Batallán.

O presidente do Parlamento galego destacou a transcendencia desta norma, que converteu o galego en lingua de uso cotián. Lembrou que, no Parlamento, todas e todos os deputados falan galego. «Todo o que empurremos en favor da nosa lingua é pouco», afirmou.

Santalices recordou que a Lei de Normalización Lingüística foi aprobada por unanimidade nun Parlamento no que non había unha maioría, converténdose en exemplo de consenso por parte de deputados que «foron quen de aparcar as súas diferenzas e chegar ao consenso» para «devolver a plenitude de dereitos á nosa lingua, como afirmara daquela Ramón Piñeiro».

O titular do Parlamento apuntou que o Lexislativo continúa dando pasos a prol do galego, e puxo como exemplo a lei de iniciativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade no 2014 co obxectivo de potenciar a relación de Galicia con Portugal e co mundo lusófono.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística salientou na súa intervención «o papel dos concellos no proceso de normalización lingüística do galego e na consecución de fitos importantes ao longo destes 35 anos» e apelou «a seguir traballando conxuntamente desde todas as Administracións a prol da plena normalización da lingua propia de Galicia en todos os ámbitos sociais, para continuar construíndo, consolidando e garantindo que o noso idioma propio sexa rico, moderno, útil e competitivo no contexto do século XXI». García referiuse ao propio Concello de Redondela como «un exemplo e referente imprescindible na galeguización da planta municipal galega, que conta co servizo lingüístico decano da nosa comunidade, en funcionamento ininterrompido desde hai xa 36 anos», concluíu.

Ao final do acto, descubriuse unha placa conmemorativa do acto, e o cantautor Luis Emilio Batallán interpretou algunha das súas máis coñecidas cancións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Lei de Normalización Lingüística cumpre 35 anos en Redondela