Cabanillas recupera o epitafio

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CULTURA

Tivo que pasar medio século para que a súa lápida no Panteón dos Galegos Ilustres recolla os versos de «Vento Mareiro»

16 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin saldouse a débeda contraída con Ramón Cabanillas. O poeta encomendoulle á súa muller en 1915 que empregara os versos de Vento Mareiro para o seu epitafio: Quero na lousa que me de sosego / esta palabra que ten ás: Poeta / e esta palabra que ten luz: Gallego. Eudosia cumpriu e as palabras elixidas polo autor figuran no panteón de cemiterio de Fefiñáns (Cambados), onde foi soterrado en novembro de 1959. Pero o 12 de agosto de 1967 os seus restos mortais foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela, xunto cos de Rosalía de Castro, Asorey e Alfredo Brañas, e as palabras con ás voaron. Na súa vila natal, en Cambados, botábanas de menos e o académico Francisco Fernández Rei reivindicou durante anos que se recuperaran. «O mínimo é respectar a vontade dos mortos. Foi un desleixo enorme», lamentábase onte.

O que podería parecer cousa sinxela, complicouse máis da conta logo de que unha sentenza xudicial lle concedese ao Arcebispado de Santiago a propiedade da igrexa de Bonaval. «O Museo do Pobo Galego sempre se preocupou de abrir e fechar o panteón, de vixialo e mantelo pulcro e coa maior dignidade», explica Fernández Rei, pero o tempo pasou e a lousa de Cabanillas seguía orfa dos versos de Vento Mareiro.

Unha asociación cultural (Unha Grande Chea), primeiro, e o Concello de Cambados, despois, pedíronlle á Xunta que tomase cartas no asunto, e o propio Fernández Rei levou o caso ao padroado do Museo do Pobo Galego. Pasaron os anos ata que, hai uns meses, un parente do escritor, do que non transcendeu a súa identidade, resolveu o problema. O mércores, Francisco Fernández Rei e a neta do poeta, Aurora Vidal, acudiron a Bonaval cun ramo desas rosas vermellas e brancas que tanto aparecen na obra do cambadés.

Fíxose xustiza con Cabanillas.