Converter o coñecemento do idioma nun maior uso, o reto no 35.º aniversario da Lei de Normalización Lingüística

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

A diagnose da que parte a Xunta é que a xuventude coñece, le, escribe e enténdeo, cun alto índice de competencia, pero, sen embargo, non o emprega

15 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe cúmprense 35 anos da aprobación por unanimidade no Parlamento da Lei de Normalización Lingüística. «A nosa lingua recupera a plenitude dos seus dereitos», dicía por aquel entón Ramón Piñeiro. Para lembralo, esta mañá, ás 12 horas, haberá un acto no Concello de Redondela, un pioneiro na aplicación, no que participarán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, e representantes locais.

Uns 35 anos nos que houbo avances, aínda que con disparidade nos distintos ámbitos. «Daquela había unha gran masa de galegofalantes, pero non eran conscientes da importancia da lingua e do seu valor. O primeiro gran avance que houbo é no prestixio», asegura o secretario xeral de Política Lingüística. Sen embargo, o paso do tempo, tamén fixo que polo camiño se fosen reducindo o número de persoas que usan o galego de xeito habitual, especialmente, entre os máis novos. A diagnose da que parte a Xunta é que a xuventude coñece, le, escribe e enténdeo, cun alto índice de competencia, pero, sen embargo, non o emprega. E esa é a materia pendente: «Mentalizar á nosa poboación para que o usen».

Nestes momentos, entre outras medidas para a promoción, a Xunta está preparando o Plan da Dinamización da Lingua Galega na Mocidade, que prevén aprobar a finais deste ano. Este programa, sen embargo, será transversal sen limitalo unicamente aos máis novos. Para iso, haberá medidas encamiñadas á familia, ao ensino, aos centros de traballo, nos lugares de ocio, no deporte... para buscar «lugares de socialización en lingua galega».

Tamén no ámbito da administración detectan un nivel diferente de penetración da lingua: mentres que a local e autonómica está moi galeguizada, no ámbito xudicial aínda lle queda camiño por percorrer.