A xeración Z fala menos galego pero ten menos prexuízos cara á lingua

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

A fenda na transmisión lingüística familiar incide no descenso do seu uso

15 jun 2018 . Actualizado a las 15:56 h.

A mocidade da chamada xeración Z -os nacidos entre 1989 e 1999- falan menos galego que os seus predecesores inmediatos, pero teñen menos prexuízos con respecto á lingua. Son datos provisionais da primeira fase dun traballo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega que onte avanzou un dos seus membros, Xaquín Loredo, nunhas xornadas académicas celebradas en Barcelona. Estas conclusións iniciais permiten constatar que, malia a persistencia de fortes prexuízos contra os trazos fonéticos e prosódicos propios do galego, empeza a darse unha asociación do idioma con trazos máis positivos, como a competencia e o estatus social.

O traballo consistiu en replicar unha investigación do 2003 na que se expoñía aos participantes a voces gravadas con diversas variables: home ou muller, acento galego ou acento castelán. No novo estudo incluíse tamén a lingua, con gravacións en galego e castelán. A primeira novidade foi ver como aínda que se mantiñan as actitudes negativas con respecto ao acento galego fronte ao castelán, no tocante á lingua sucedía o contrario: obtiñan mellor valoración as voces en galego que as castelás. A peor das valoracións correspondeu a voces que falaban en castelán con acento galego.

O proxecto O galego da mocidade. Quince anos despois, que a RAG desenvolve co apoio da Deputación de Pontevedra, entra agora noutra fase, a de buscar, a través de entrevistas, as razóns que poidan explicar o porqué destes cambios. Entrementres, no Seminario manéxanse algunhas hipóteses. Unha delas é a transformación demográfica de Galicia, cuxos efectos inciden na lingua. O despoboamento do rural significa que para a mocidade actual a súa experiencia directa de galegofalantes habituais é moito menor que antes. «A poboación estase a concentrar en contextos urbanos e periurbanos», explica Loredo, o que se traduce en que na mocidade tamén se perde o vínculo co que representaba a aldea para anteriores xeracións. Por paradoxal que poida parecer, isto trae consigo un contacto menor coa lingua, pero, á vez, unha valoración máis positiva do idioma, xa que se perde tamén a noción que vía o galego como contrario á modernidade. Pola contra, percíbese os galegofalantes como persoas con maiores competencias, dotados dun bilingüismo que lles permite cambiar dunha lingua a outra sen dificultades.

Ao mesmo tempo, estase a producir unha fenda na transmisión lingüística nas familias, onde o galego vai diminuíndo a súa presenza. «Agora mesmo na xeración Z arredor dun 35 % dos mozos e mozas xa non ten ningún tipo de referente familiar», di Loredo con respecto ao idioma. De feito, o especialista advirte que na xeración anterior, a dos nacidos nos 80, había como unha contención no descenso de falantes, que de súpeto se volveu máis acusada coa xeración Z.

Convocan prazas nos lectorados de Oxford, País Vasco, París e São Paulo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de convocar catro prazas noutros tanto lectorados de lingua, literatura e cultura galega. Trátase de dous postos nas universidades do País Vasco e de Oxford e outras dúas bolsas de formación nos lectorados de París e São Paulo. O prazo de presentacións de solicitudes remata o 25 de xuño. Esta iniciativa forma parte das accións de promoción da lingua no exterior. A Rede de Centro de Estudos Galegos da Xunta de Galicia está integrada por un total de 35 centros en universidades de América e de Europa a través de convenios que subscribe a Xunta. O obxectivo é que estas universidades conten con órganos de referencia para o coñecemento e a promoción do galego e, para iso, dispoñen dun profesor lector.