Rosario Álvarez estrea cargo chamando a «regaleguizar» á xente máis moza

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvarez, onte no Parlamento galego, durante a súa comparecencia na comisión de Cultura
Álvarez, onte no Parlamento galego, durante a súa comparecencia na comisión de Cultura XOÁN REY

A presidenta do Consello da Cultura sostén que os nenos perden o galego no ensino

14 jun 2018 . Actualizado a las 10:37 h.

O seu programa de goberno non vai ser «rupturista nin revolucionario», pero Rosario Álvarez, a nova presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), tampouco quere desenvolver un traballo «continuísta ou unha mala imitación» do feito ata o de agora por Ramón Villares, o seu predecesor no cargo. Deste xeito presentouse onte Rosario Álvarez ante a comisión de Cultura do Parlamento, cunha intervención na que defendeu a cultura como un «dereito» e un motor que «xera riqueza», ao tempo que fixo un chamamento incisivo a regaleguizar a xente máis moza que, polas razóns que foran, deixaron de empregar a lingua galega para relacionarse.

Tanto o PP como os tres grupos da oposición recibiron con bos propósitos e xestos de cortesía á primeira muller que se sitúa á fronte do Consello da Cultura nos seus 35 anos de vida, aínda que tanto Ánxeles Cuña (En Marea), como Concepción Burgo (PSdeG) e sobre todo Olalla Rodil (BNG) fixéronlle chegar as súas preocupacións pola «feble» internacionalización da cultura galega, polo retroceso do uso do galego entre a xente nova e mesmo polos recortes de gasto público en todos os apartados que teñen a ver coa cultura.

«Cada pau que aguante a súa vela», respondeu a presidenta do CCG, en referencia á Administración autonómica, ao sinalar que existen responsabilidades moi claras sobre que a xente moza deixe de empregar o galego ao chegar á adolescencia. «Dicimos que os mozos non falan como se fora culpa deles», sinalou Álvarez, que pensa que non é correcto, pois na súa opinión o problema estriba en que hai nenos que chegan co galego dende a casa e pérdeno ao ser escolarizados.

«Pérdeno porque non está presente no ensino básico», engadiu a presidenta do Consello da Cultura, e porque son socializados «en ámbitos nos que se impón o castelán», como ocorre -dixo- co mundo das federacións deportivas. Por iso insistiu en que hai que analizar cales foron as causas desta «desgaleguización» para poder combatela, pois entende que dende logo «non foi unha opción persoal».

Tres liñas de traballo

Por outra banda, Rosario Álvarez dixo que o seu labor á fronte do CCG se vai centrar en tres liñas de traballo para integrar, en primeiro lugar, a «cultura humanísticas e científica», algo no que a comunidade galega é punteira. En segundo lugar, prestarase atención dende este órgano aos diferentes axentes culturais, como os creadores, produtores ou distribuidores, para apoialos na tarefa -esta sería a terceira liña de traballo- de chegar a novos públicos con novos formatos de comunicación. «Queremos que todos os públicos atopen interese na nosa programación», subliñou.

Dende o grupo que sustenta ao Goberno galego, o PP, o deputado César Fernández saudou a intención de Álvarez de «abrir o Consello á sociedade» e tendeu a man para colaborar conxuntamente entre a Xunta e este organismo para corrixir esa quebra que se produce na transmisión xeracional do galego.