Érica Esmorís: «Nunca camiñei tan orgullosa como cando ía acompañada da miña cadela»

A escritora e premio Merlín é de sempre amiga das letras e os animais


redacción / la voz

Aire fresco venteando as letras, premio Merlín por Nena e mar, Érica Esmorís (A Coruña, 1977) é de sempre amiga das letras e os animais. Palabra favorita?, disparo no café. «Sen dúbida, cachorro. É a palabra que me fai salivar. Salivo como se estivese diante do mellor manxar. Un cachorro, sexa da especie que sexa, ule a vida, e a vida ule moi interesante...», afirma.

-A cultura parece un derbi. Màxim Huerta é un ministro que se estreou na picota. Dálle un voto de confianza?

-Si, claro! Foi algo inesperado. Pero hai xente, como a editora Belén Bermejo, cun pensamento que para min ten solidez, que lle deron un voto de confianza. Eu tamén. Debaixo dunha capa que parece superficial pode haber un bo ministro de Cultura.

-Que libro lle recomendaría a Pedro Sánchez?

-Pedro Sánchez parece que é fan de Murakami. Por iso lle recomendo Luz brillante, da xaponesa Kaori Ekuni. Parece que Sánchez aposta pola muller. Por que non un libro dunha muller que escribe tan ben ou mellor que Murakami. E tamén teño recomendacións para Ainhoa e Carlota, as súas fillas. Corazones de gofre, de Maria Parr, un libro que aos nenos do club de lectura Perigosas Criaturas lles fixo rir e chorar. Eles din que é unha montaña rusa de emocións.

-Por que escribe?

-Porque non me queda máis remedio. E agora, que levo unha vida máis complexa, que teño un bebé e vivo cun traballo inestable, penso que sería mellor non estar marcada. Penso que sería más feliz non sentindo a necesidade. Escribir é como respirar. Se non escribo, non me sinto eu. Escribo como outros corren.

-De nena soñaba con «ser normal». É un superpoder?

-Ás veces penso que me gustaría que a miña filla, Erin, teña un don. Non ten por que ser artístico, pero un don definitivo. Pero se non ten un don así, esa normalidade sería orixinal, fresca, tan valiosa... A normalidade é un don que pode dar felicidade. Cando tiraba moedas ás fontes ou sopraba as velas na tarta de aniversario, pedía: «Quero ser normal!». Porque a miña cabeza non estaba nas clases.

-Medrou nas nubes?

-Medrei na terra esaxerando a terra. Todo o que pasa nela.

-Sen malo, non hai conto?

-Non, pero a min non me gustan os malos-malos. Gústame a xente con frustracións, dores e medos ocultos.

-Que lle parece a recomendación da RAE de castelanizar Sanxenxo en «Sangenjo»?

-Sangenjo non é nada, non? Mira, e que tal «Madriz»?

-«Nena e o mar» deulle o Premio Merlín, do selo Xerais, a unha amante das letras e o mar. Houbo un antes e un despois?

-O 2015 foi un ano redondo, recibín o premio e en menos dunha semana estaba presentando Ulises e as cronoamigas. O premio foi un recoñecemento á fe en Nena e ao meu traballo.

-Gústanlle os contos de fadas?

-Non. Gústame a maxia cando os personaxes poden ser reais.

-Foi veterinaria. E ten unha parte intuitiva, moi animal...

-Somos animais. Eu son unha fera instintiva e animal. A sociedade e os proxectos amánsanme, e tamén o contacto coa natureza. Nunca camiñei tan orgullosa como cando ía acompañada da miña cadela Lola.

-Na súa casa medran xuntos unha nena e un gato. Que tal?

-Agora lévanse moi ben! A nena vixía que o gato non lle roube o chupete, pero ela métese no berce do gato. Son «irmáns».

-Cal dos «irmáns» mete máis os fociños nos libros da nai?

-Os dous morden papel... gato e nena por igual.

-Unha falta de ortografía reveladora, persoal?

-O meu sinal de identidade é a mala letra. É terrible...

-«Nena e o mar» vai de xira polos colexios. Que tal o contacto, ese «feedback»?

-Foi outro dos premios que trouxo o Xerais. No 2016 comecei a coñecer aos meus lectores. É un subidón! Sempre lles digo: «Escribide vos a segunda parte de Nena. Cédovos os dereitos».

-Gústalle vivir rodando, levar a casa a costas, viaxar na furgoneta, ser como un cangrexo ermitán. Que lle dá a estrada?

-Eu teño insomnio, e ás veces cando non podo durmir na cama da casa, imaxino que estou na furgoneta e empezo a relaxarme. Collo varias almofadas para rodearme e sentir que estou nun sitio máis pequeno. Cando colles a furgoneta estás de vacacións! É mellor que un hotel co mellor spa. Na furgoneta podo durmir tranquilamente trece horas seguidas, do tirón.

-Quen escribe o futuro?

-Os nenos e as nenas. Nós non somos os guías, son eles, e non hai que ter medo!

-Un superpoder especial?

-Sempre acerto os agasallos de Nadal. É difícil sorprenderme.

-Quen lle aprendeu a ler?

-Aprendín no cole, pero tamén nas saias da miña nai, nai paciente e gran lectora que nos mercaba un libro ao mes. Eu quería un can, un burro, unha casa nunha árbore, pero agora penso que os mellores agasallos foron eses libros que me deu.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Érica Esmorís: «Nunca camiñei tan orgullosa como cando ía acompañada da miña cadela»