O folclore galego amosa a súa fortaleza con tres días de foliada en Santiago

Serán?01 é o primeiro encontro de todo o sector, que suma máis de 700 grupos


santiago / la voz

Máis de setecentos grupos folclóricos que reúnen a 40.000 rapaces e maiores e 236 entidades empresariais vinculadas ao sector inscritas na Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dende teceláns a luthiers ou modistas... Son só algúns dos números que reflicten o que supón o baile e a música tradicional galegos na actualidade. Lonxe de apagarse, á vez que pola perda de poboación esmorece o medio rural, traspasou fronteiras da man dos emigrantes e tamén dos intérpretes que o levan por escenarios de todo o mundo. E agora vai dar un paso máis na súa conquista de recoñecemento coa súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). E para festexalo nace o Serán’01. Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional, que dende mañá ata o domingo reunirá a un milleiro de artistas e tamén ao resto de profesionais ligados ao sector, na Cidade da Cultura en Santiago.

«É o primeiro encontro de todo o sector. Nunca se fixera, porque non é só baile e música, tamén son os artesáns que fan as cousas, tanto instrumentos como vestiario, empresas de servizos (luz, sons...), festivais...», explica o director artístico deste encontro, Quique Peón, a persoa que propuxo á Xunta este proxecto. A cita, que programa máis de 40 actuacións, arrancará mañá ás 16 horas coa apertura dunha feira que contará con medio cento de postos e rematará o domingo ás 19 horas despois de que polo escenario pasen agrupacións folclóricas, coros, grupos e tamén os chamados informantes, persoas que serviron de fonte viva para manter a tradición. «Queremos poñer ao mesmo nivel os informantes, os grupos folclóricos do país que maman deses informantes e os artistas consagrados do país que á vez maman deses grupos. Igualar a todos no escenario», destaca Peón, que lembra tamén o relevante impacto económico que ten o sector, «ata agora nunca cuantificado».

Informantes e artistas

Na primeira xornada, destaca o Festival Folclórico, que, a partir das 21 horas, reunirá a oito dos grupos de baile tradicional de referencia: Cantigas e Agarimos, Eidos, Cantigas e Frores, Brincadeira, Lembranzas Galegas, Castro Floxo, Xacarandaina e O Fiadeiro. O sábado será o día do Foliadón, cinco horas nas que actuarán man a man artistas galegos consagrados, grupos de música tradicional e os informantes. A máis dunha trintena de persoas chegadas de diferentes aldeas que transmitiron a música tradicional, únenselle Ugía Pedreira, Davide Salvado, Xisco Feijoo, Susana Seivane, Uxía, Tanxugueiras, Os Melidaos, Leilía e Xosé Manuel Budiño. Tamén participarán os grupos Xiradela, Raigañas, Lagharteiras, Xacarandaina, Donaire, Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro, Arume de Verdillo, As Rinchonas e Trébede. Na última xornada haberá un desfile de traxes tradicionais antigos e reconstrucións. O peche será cun concerto de coros históricos con Toxos e Froles e De Ruada.

A estas actuacións engadiránselle exposicións, como a de mantóns de Manila, obradoiros infantís, conferencias e clases maxistrais -que teñen xa todas as prazas esgotadas-.

Con esta cita que arrinca mañá e que ten vocación de continuidade nos próximos anos, tamén queren poñer de manifesto que o folclore galego é o máis vivo de toda Europa. ¿Por que? «Porque se conservou no medio rural moito máis que no resto de países de Europa. E dende hai 40 anos fixemos un traballo de recollida de campo, gravación e de posta en valor e escena tentando non desvirtuar ningún detalle. Entón, está moi vivo. Non o dicimos nós, dino no eido do folclore a nivel europeo», explica Quique Peón. Tamén continúa moi presente porque «os galegos amamos o noso. Ademais, o folclore galego é bonito, ten unha disciplina escénica e coreográfica que non teñen outros folclores da Península. A xente ámao. Isto de ver unha romaría sen un grupo de gaiteiros non é festa». Tras a declaración como BIC, o obxectivo será o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. Porque a festa non se acaba sen a muiñeira de Chantada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

O folclore galego amosa a súa fortaleza con tres días de foliada en Santiago