O Consello da Cultura abre unha etapa «de continuidade, non de continuísmo»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

Rosario Álvarez foi elixida presidenta cun plan que segue o traballo actual pero con novos pulos e modos

01 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ábrese unha nova etapa no Consello da Cultura Galega. Oito membros do pleno avalaron a única candidatura presentada para relevar a Ramón Villares. Será unha transición tranquila. Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) xa viña ostentando a vicepresidencia da institución dende o ano 2010. Tranquilo, si. Haberá «continuidade, pero non continuísmo». Así llo trasladou a nova presidenta -a primeira muller dende que se creou o Consello da Cultura- ao pleno, que decidiu apoiar o seu proxecto, que incorporará «novos pulos, novos retos e novos modos» ao organismo.

«O meu pretende ser un traballo cun novo esforzo, cunha nova ilusión pero realmente continuando moito do que viñamos facendo ata agora», explicaba a nova presidenta tralo plenario. Non hai ruptura. Non hai necesidade imperiosa de encher un baleiro. «O primeiro que faremos, en canto estea constituída a nova executiva, será reformular cal será o noso plan de acción para os próximos catro anos» e programalo seguindo as liñas mestras do programa que defendeu diante do pleno e que lle valeron o seu apoio.

Hai, porén, prioridades. Unha delas é «reforzar a vertente dixital» do Consello da Cultura. Os portais institucional e cultura xa son «potentes, ben concibidos», moi ben dotados de contidos. Pero «si detectamos unha escasa visibilidade de todos eses recursos e de todo ese potencial». Hai que mellorar o impacto da estratexia dixital do Consello da Cultura. 

Ampliar o espectro

¿Que é cultura galega? É máis, moito máis, que a concepción clásica que a reducía á literatura e á música. O Consello da Cultura vén de ampliar o espectro cultural galego, xunguindo a cultura humanística e a científica para deixar que camiñasen xuntas. Iso permitiu incorporar ao debate público «ámbitos científicos ou doutro tipo» e tamén novas temáticas, como a demografía ou os incendios forestais ou a xestión cultural. «Esta atención a toda a complexidade do ecosistema cultural galego, con moitos sectores da cultura humanística e científica trabados é o que máis nos preocupa», di Rosario Álvarez, que tamén subliña a importancia de chegar a novos públicos, repensar os enfoques, as temáticas, os formatos de comunicación e as actividades. 

Acción exterior

E hai que pensar na cultura galega que vive alén de Galicia. A acción exterior tamén foi defendida pola nova presidenta do Consello da Cultura, que salientou catro liñas de acción: : a Galicia espallada, os países de lingua portuguesa, a relación con Europa e a posición atlántica de Galicia.

¿Cal é o estado de saúde dese ecosistema cultural galego, que representa hoxe o 2 % do PIB e o 3 % do emprego? Rosario Álvarez remítese á diagnose que fixo a institución, con feblezas como a falta de estratexia e planificación cultural, excesiva dependencia das vías de financiamento públicas e que propón medidas que «quen ten que facer as políticas culturais, que non somos nós, debería tomar cunha certa preocupación e urxencia».

«Cando o Consello apostou pola igualdade non o fixo coa boca pequena»

Rosario Álvarez é o primeiro nome feminino na presidencia do Consello da Cultura. Ocupa agora o cargo que ocupou por vez primeira Ramón Piñeiro e no que estiveron tamén Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares, Alfonso Zulueta e o seu antecesor, Ramón Villares. «Eu asumo a presidencia sabendo iso, que entre as características que puideron apoiar a miña candidatura está o feito de ser muller», algo que «indica que cando o Consello apostou pola igualdade non o fixo coa boca pequena, senón disposto tamén a que a seguinte fose unha muller». Rosario Álvarez defendeu o traballo a prol da igualdade de xénero na cultura, pero tamén a de oportunidades no acceso a través de tres eixos: a idade, o territorio (eixo atlántico e provinciais orientais) e o hábitat.