Milladoiro volve a Ortigueira nos 40 anos do festival que abriron músicos do grupo

Rodri GArcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

ÁLVARO F. POLO

As bandas Ímar, Kila, Ives Lambert e Lúnasa, entre os atractivos do cartel deste verán

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 de xullo de 1978 nacía no colexio de Ortigueira o Festival Internacional do Mundo Celta. Aquel día actuaron, por separado, o grupo Faíscas do Xiabre e os músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Un ano despois todos eles tocarían xuntos, na segunda edición, formando Milladoiro, un grupo que volverá a actuar este verán e que acaba de publicar un novo disco: «Trátase dunha gravación en directo do 2014 no 30.º Festival Intercéltico de Ortigueira para conmemorar a longa relación que Milladoiro mantén con este certame desde os seus inicios», salientan os organizadores dunha cita que -aínda que cumpre 40 anos- vai pola edición número 34. Milladoiro será un dos cabezas de cartel xunto con formacións como o grupo de Glasgow Ímar, os irlandeses Kila, a banda de Canadá Yves Lambert Project e o quinteto irlandés Lúnasa.

A participación destas formacións foi salientada por Alberto Balboa onte na presentación do programa completo que tivo lugar na Coruña, na sede de Estrella de Galicia, unha das firmas patrocinadoras do proxecto. «A colaboración institucional pública e privada dos patrocinadores é a que fai posible que o Festival Internacional do Mundo Celta manteña este nivel de calidade», asegurou o alcalde de Ortigueira, Juan Penabab.

Finalistas do proxecto Runas

Na primeira xornada, a do día 12 de xullo, actuarán os finalistas do proxecto Runas, destinado a novos valores da música folk, que son Brumafolk, de Cantabria; The Taverners, de Castela e León; e Beltaine, de Polonia. Pechará a xornada Ímar. Para a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, xunto coa referencia internacional, un dos logros do festival é que «fixo que a xente nova enganche coa música folk».

Unha das características do Festival de Ortigueira é «a participación de centos de gaiteiros e músicos a través das diferentes agrupacións de bandas de gaitas que acoden cada edición», enxalzan os organizadores, que para este ano contan con sete: catro galegas (unha delas a de Ortigueira, que impulsou o nacemento do festival) e as outras tres de Asturias, Bretaña e Escocia. A programación do festival tamén inclúe actividades como obradoiros especializados en música ou vencellados con ela, e dúas exposicións, «unha dedicada a fotografías relacionadas co festival e outra aos carteis que o publicitaron desde 1978».

Dos comezos falou tamén onte o alcalde, cando lembrou «aquel escenario con postes de eucalipto», como tamén recordou que «as nais dos que estaban traballando eran as que facían os bocadillos» e como a poboación pasaba de pouco menos de 2.000 habitantes «a 20.000 ou 30.000».

Dous documentais

Penabad insistiu varias veces no agradecemento a toda a xente que traballou para sacar adiante un festival que este ano presentará dous documentais para facer memoria: De Voces Ceibes a Milladoiro. Historia de la música gallega, feito por Casa de Tolos, «onde se explica a evolución da música en Galicia nos últimos anos», e 40 anos do festival, un encargo do Concello para narrar as súas orixes, e que aborda épocas, grupos e asistentes.

O venres, 13 de xullo, a actuación principal será a dos irlandeses Kila e o sábado será a noite de Os D’Abaixo, Milladoiro e Yves Lambert Project. «O domingo é o día máis tranquilo, para disfrutar da música e tamén rematamos antes», asegurou Penabad. Esa noite actuarán Lúnasa e The Celtic Social Club, pechando un encontro no que «persoas de toda Europa de moi distintas culturas se citan en Ortigueira desde hai corenta anos», subliñaban os organizadores.

«Sempre se valorou a música e sobre todo o entorno do festival», lembraba o alcalde, para sinalar que os organizadores buscan agora máis a calidade que a asistencia masiva e, con isto, que todos podan disfrutar do festival con tranquilidade.