Ramón Villares: «Fixemos un intento sistemático para converternos na casa da cultura galega»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

O presidente do Consello da Cultura asegura que os momentos máis complicados en 12 anos foron no cambio do Goberno do bipartito ao do PP

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Villares (Cazás, Xermade, 1951) está a poucas semanas de poñer fin a catro décadas con cargos institucionais, os últimos doce anos á fronte do Consello da Cultura Galega (CCG), entidade que o próximo xoves 31 celebrará un pleno para elixir o seu relevo. A única candidata a tomar o testemuño é Rosario Álvarez, a actual vicepresidenta.

-Que balance fai destes 12 anos de mandato?

-Foi un período moi feliz e estimulante, que me permitiu coñecer moitas persoas e ámbitos nos que non tiña coñecementos. E, desde o que é o Consello, a valoración non me corresponde a min, porque non son obxectivo, farana o futuro e os demais. Eu estou coa conciencia tranquila, creo que tiven unha oportunidade excepcional: ser doce anos presidente desta institución. Nestes tempo, o Consello procurou un espazo no que desenvolver o seu propio perfil, ser un referente de ámbito cultural. Desenvolvemos tarefas moi importantes de asesoría e de debate de como modernizar e xestionar a cultura. Tamén fixemos un gran esforzo na proxección da cultura galega no exterior e a conexión co mundo da emigración.

-Cando no 2006 tomou posesión dicía que un dos seus retos era converter o CCG na casa da cultura galega. Conseguiuno?

-Foi un intento sistemático converternos nesa casa. Non se pode dicir que todo o mundo se sinta representado aquí, pero non se vetou a ninguén. Houbo un esforzo -eu mesmo me ocupei diso- en que non houbese ningún tipo de sectarismo nesta institución. Por aquí pasaron persoas do máis diverso, de moitos países... Esta é unha casa da cultura galega, aquí celébranse reunións de editores, de teatro... Unha das cousas que máis me satisfai é que é unha casa que non está pechada a ninguén e con moita pluralidade interna, porque hai persoas de todos os estilos, procedencias e ideoloxías. Isto é o que dá máis forza moral.

-Naquel momento tamén dicía que o Consello debía ter a penúltima palabra, tívoa realmente?

-Ese é un diálogo difícil porque ao poder executivo non lle gusta que lle digan o que ten que facer. Moitos dos nosos informes foron tidos, polo menos, parcialmente en conta, como no ámbito da lingua, na Lei de Patrimonio... Os poderes públicos, non só a Xunta, en xeral, foron sensibles á opinión do Consello, pero eles teñen a súa propia folla de ruta e nós non podemos entrar aí.

-Cal foi o momento máis complicado nos seus tres mandatos?

-Foi o tránsito do Goberno do bipartito ao soportado polo PP, un período que tamén coincidiu coa crise económica. Supuxo no ámbito da lingua, especialmente ao principio, unhas certas diferenzas, incluso houbo informes bastante discrepantes tanto da Academia como do Consello respecto ao decreto do plurilingüismo. Todo iso puido ser superado con diálogo e con certa lealdade institucional polas dúas partes.

-Recentemente presentaron á consellería a «Diagnose da cultura galega». Reclamou unha maior inversión, ata chegar ao 1,5 % do orzamento da Xunta de cara aos próximos anos. Quédalle moito percorrido á cultura galega para lograr ocupar o lugar que lle corresponde por peso do sector, non só a nivel de recursos públicos, senón de recoñecemento social?

-A cultura ten moitos problemas. Un deles, o que chama a atención, é que se destinan poucos recursos. Discrepo que ese sexa o problema, é un deles, pero non o único. Hai un asunto máis conceptual sobre como se percibe a cultura: se como un floreiro, como algo que está ben e que sexa gratuíto; ou se é unha cultura que ten unha conciencia de que é un sector estratéxico do propio tecido produtivo dunha sociedade. Eu son máis partidario da segunda. Ter máis diñeiro é importante, pero non chega. Todos os informes do Consello tenden a chamar a atención de que a cultura ten que estar ben xestionada e ten que haber adecuación entre recursos e obxectivos, senón acábase facendo un uso discrecional dos recursos públicos, e iso é algo propio do clientelismo do século XIX. Non é fácil de que o asuma o poder público nin o sector. Queda aí un traballo importante por facer.

-Algunha espiña cravada?

-Non teño espiñas. Quizais o papel de penúltima palabra lle resta un pouco de eficacia, pero dálle tamén contundencia no que di. Todo o que podiamos facer cos nosos recursos levámolo a cabo.

«Rosario Álvarez é prudente e firme. Non lle fan falta consellos»

Villares explica que se a súa etapa como reitor da Universidade de Santiago lle permitiu percibir «máis claramente os meandros da política», a presidencia do CCG lle supuxo coñecer «o complexo mundo da cultura».

-Leva anos traballando con Rosario Álvarez. Como valora que se presentase para tomar o seu relevo? Deulle algún consello?

-Non lle fan falta consellos. É unha persoa prudente, firme, moi ordenada no seu traballo. Só quero desexarlle que lle vaia ben, se é elixida como se espera. O que quero é que a institución sexa mellor despois de estar eu aquí e non peor. Porque, se é mellor, saio tamén beneficiado.

-Pódese entender como unha continuidade do proxecto?

-Das liñas de traballo, si. Iso espero. Considero pertinente que nas institucións haxa o menor corte. As institucións son por definición transatlánticos que viran lentamente. Unha sociedade que non teña institucións que non poidan ser previsibles nas súas decisións é moi primaria. Teñen que ter unha certa continuidade, pero non de modos nin de estilos, senón de obxectivos. O Consello da Cultura é unha baliza que debe servir de referencia, unha pequena baliza, e non considero malo que haxa unha coherencia estratéxica. É fundamental non caer no defecto máis común que hai en moitos países, o adanismo, cada un que chega empeza de novo.

-Reclamou máis competencias para o Consello na súa última comparecencia no Parlamento. Ese debe ser o reto agora?

-Hai algúns campos aos que o Consello destina recursos que non están nas súas competencias iniciais, como foi a dimensión da proxección da cultura no exterior. Nós facémolo de xeito subsidiario. Poderiamos facer máis cousas, pero para iso terá que autorizarnos o Parlamento. Non podemos entremeternos onde non temos competencia.