«A muller é a primeira desertora do galego», alertaba María Victoria Moreno nos textos do Facho

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

emilio moldes

Enviou á agrupación cultural un guión do que sería o seu relatorio sobre o «ensino das linguas vernáculas»

23 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os textos que no seu día cedeu a agrupación cultural O Facho á Real Academia Galega poden ser consultados desde hoxe na páxina web da RAG. A publicación realízase no aniversario da conferencia sobre a lingua galega que María Victoria Moreno pronunciou o 23 de maio de 1975 na Coruña, «nun ciclo con perspectiva de xénero organizado pola agrupación cultural», explicaban onte desde a RAG. A correspondencia da escritora e filóloga arredor deste relatorio e os mecanoscritos de catro relatos cos que participou no premio de contos infantís convocado por O Facho son parte destes fondos.

No relatorio sobre o ensino das linguas vernáculas, a protagonista do Día das Letras Galegas falou de problemas como a diglosia, «a permeabilización» do galego por parte do castelán, o papel da escola, a Igrexa, a Administración ou os medios de comunicación, e a «responsabilidade da muller» na transmisión interxeneracional do galego. Sobre isto último alertaba: «A muller, máis sensible aos prexuízos sociais, é a primeira desertora do galego, feito que repercute na desgaleguización dos fillos». Naquela conferencia, lembran desde a RAG, María Victoria Moreno indicaba, froito da súa observación, que as mulleres facían un maior uso do castelán que os homes «e que esta fenda se amplía coa entrada no mundo laboral e nas contornas periurbanas ou vilegas urbanas».

A documentación agora publicada na páxina web da RAG recolle vivencias de María Victoria Moreno, como cando escribe aos responsables da agrupación O Facho sobre a conferencia que vai dar: «Envíolles currículo e mais guión. Todo foi escrito á man porque son as tres da mañá e non podo espertar coa máquina á miña filla nin á rapazada dos veciños».