Álvaro Iglesias: «Quería amosar que un contrabaixo pode ser máis que un acompañante»

Dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

Co seu primeiro disco, «Alma», o contrabaixista porriñés reivindica a capacidade como solista do instrumento

21 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Álvaro Iglesias (O Porriño, 1974) amosa en Alma as capacidades do contrabaixo na música tradicional, tras unha longa experiencia acompañando a profesionais como Carlos Núñez, Faltriqueira, Anxo Lorenzo, Ardentía, SondeSeu ou Rodrigo Romaní. Neste primeiro traballo en solitario, do que anuncia continuidade, defende a singularidade e sonoridade que achega o contrabaixo.

-Anúnciase como o primeiro disco da historia celta con contrabaixo como solista. É usual noutro tipo de música?

-Tecnicamente é moi difícil. O contrabaixo está orientado ao acompañamento, é o que adoitamos ver nas bandas de jazz e incluso na clásica, e como instrumento solista é moi difícil velo.

-Estraña que non se fixese antes.

-En Galicia ata hai ben pouco eu era o único contrabaixista puro de música galega. Hai incursións de contrabaixistas que veñen do jazz e son contratados por músicos galegos para tocar con eles, pero non son músicos de tradicional, senón meros acompañantes. Eu eduqueime co contrabaixo coa música tradicional.

-Vía a necesidade de gravar?

-Levo 24 anos como músico profesional, tocando cos mellores da música galega e do folk, e chega un momento en que precisas amosar o que levas aprendido. Coa técnica clásica, na que todos os instrumentos son solistas, aprendes a utilizar así o contrabaixo, a facer melodías con el. Quería amosar o que pode facer un contrabaixo, que pode ser máis ca un acompañante nunha banda.

-Que valora do seu disco?

-É unha defensa en solitario do protagonismo do contrabaixo como instrumento melódico. É saírse dos instrumentos tradicionais de toda a vida, das gaitas e os violíns. Achega unha sonoridade nova. A min encántame a gaita, porque levo toda a vida escoitándoa, pero o contrabaixo é o instrumento que teño na man, e co que sei tocar esas cousas. É o que me tocou. Considérome un músico tradicional, os nosos vellos tocaban co que tiñan, podía ser un sacho ou unha lata de pemento, eu teño un contrabaixo, e é o que fago. O que achega é saírse dos proxectos dos últimos 30 anos, unha sonoridade nova, tocar un instrumento que lle dá un son particular ao conxunto.

-Acopla ben?

-Perfectamente, considéroo como un violín grave, e o violín é un instrumento da nosa música dos últimos anos. Ao contrabaixo, como o toco eu, agudo, coma se fose un violonchelo ou rozando o violín moitas veces, haille que buscar a tesitura na que funciona. O que hai que ter é unha técnica alta para facelo. Tiña dúbidas ao principio, porque non tes referencias, pero cando lle empecei a meter o arco, dende o comezo xa me encantou. Vin que funcionaba perfectamente e hai varios temas onde soan dous contrabaixos e ves que non se pegan, que respiran. O son semigrave que ten o que fai é redondear aínda máis as melodías, agrupa a todo o que soa con el.

-Entón por que non hai máis músicos incorporándoo ás pezas?

-Porque é un instrumento novo, porque se introduciu na música galega nos noventa. Non é moi común. Non sei se haberá máis ou non nun futuro, pode ser que si, ou pode que morra comigo.

-Optou por un repertorio puramente tradicional.

-Supoño que todos somos especialmente sensibles cara a algo e o que acendeu ese interruptor en min foi a música tradicional. Eu aprendín a tocar o baixo eléctrico con 15 anos con discos de Milladoiro, e non o vin raro porque me gustaba esa música. Cando empecei a estudar no conservatorio, ao rematar de ensaiar poñía música tradicional, tocaba con discos dos Morenos, Os Alegres, cuartetos tradicionais...

-O disco é todo instrumental, agás unha peza.

-Contei con Xabier Díaz para cantala, quixen dedicarlla a meu pai, que faleceu hai pouco. Foi o primeiro alalá que compuxen e a primeira letra que fixen na miña vida. É súper especial para min, e quixen diferenciala.

-Sae nun momento no que parece haber un rexurdimento. Como ve agora o sector?

-Na época do bum saíron bandas de folk de calquera punto de Galicia, e cando pasou houbo un filtro natural, que considero de calidade. Agora tes que facer cousas de verdade, daquela época sacabas disco no folk e xa tiñas unha serie de concertos, agora tes que pensar ben o que fas e intentar achegar algo para poder manterte na nosa música.