Cando Balbino chegou a Galicia

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

CULTURA

A segunda edición de «Memorias dun neno labrego» publicouse co gallo das Letras

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Balbino chegou a Galicia nun día coma hoxe de 1968 da man de Ediciós do Castro. Pero non aterrou só. Co gallo das Letras Galegas a editorial de Isaac Díaz Pardo puña nas librerías outro título, Retratos de esguello, de gravados e debuxos de Luís Seoane, que o pintor acompañaba de cativos textos literarios. O pequeno Balbino nacera uns anos antes, no segundo semestre de 1960, na cafetería La bella Viena, da rúa Cullen de Bos Aires, onde o seu creador, Xosé Neiras Vilas, foi escribindo aos cachos a súa historia. Memorias dun neno labrego publicaríase un ano despois, en 1961, e habían de pasar sete ata que cruzara o charco e retornara a Galicia para bulir, negro sobre branco, ao longo das 123 páxinas que conforman a segunda edición do libro, a primeira editada en Galicia. Balbino viu a súa terra por primeira vez apadriñado por Isaac Díaz Pardo, que deu vida aos personaxes desa aldea universal co seu talento de ilustrador. O prólogo firmábao Xesús Alonso Montero.

Os exemplares desa primeira tirada foron moi ben recibidos nunha Galicia que Neira Vilas seguía estrañando dende Cuba. De feito, a obra foi reeditada ata en 25 ocasións por Ediciós do Castro. Nese volume de 19 por 13 centímetros habitaba un neno de aldea en cuxos avatares víanse reflectidas varias xeracións. Un Balbino que tiña algo do seu creador, pero non todo, nin moito menos. Cóntao o presidente da Fundación Neira Vilas, Luís Reimóndez, que explica que o escritor de Vila de Cruces «nunca tivo un can. De feito, eran uns animais aos que non se achegaba e dos que desconfiaba, despois de que de rapaz lle mordera un». «Tampouco lle pegou cunha pedra a ningún Manolito», apunta.

Na súa chegada a Galicia, Balbino atoparía a súa terra algo mudada, distinta á que deixou Neira Vilas no 1949 cando emigrou a Arxentina. En 1968, os aires da revolución do chamado maio francés tamén tiveron eco en Galicia a pesar da represión que se vivía entón. Nese ano, Santiago de Compostela e A Coruña tamén foron escenario de revoltas estudantís, aínda que con pouco percorrido e tombadas rapidamente. Moitas das escolas unitarias das aldeas foron pechando eses anos e os rapaces como Balbino estreaban os grupos escolares, nos que os novos libros de texto multiplicaban o peso das carteiras infantís suplindo aquelas Enciclopedias de volume único, que recollían o saber de todas as materias e que aínda sobrevivían no 1968 nalgúns colexios da man dos mestres máis veteranos.

Vidas infantís

Os rapaces xa collían o autobús, pero seguían a madrugar, e a andar un bo treito, nalgúns casos, por mor desa cousa tan nosa de espallar as casas pola pel da terra sen moito tino, coma se alguén as tirase dende o ceo coma dados para que atopasen o seu sitio ao caer. As nenas levabamos as coletas apertadas pegadas ás orellas con cintas de punto de cor branca (non había moita máis variedade), as saias curtas, os xerseis de la feitos na casa e os pichis ou os vestidos de viyela feitos por algunha modista da aldea ou algunha nai o tía con maña coa agulla.

Os rapaces soñaban con ser Amancio ou Gárate dando patadas ao balón no patio da escola. Os televisores ían entrando nas casas e os xornais anunciaban marabillas, como a secadora centrifugadora Crolls, que prometía facer o que o clima e a chuvia impedían en Galicia: secar a roupa en tres minutos de forma tan agarimosa coma un raio de sol, ou un feixe deles, quen sabe.

En 1949 Neira Vilas tivo que ir ata Cádiz para subir no barco que o levaría a América. A modernidade chegaba tamén aos transportes e un día coma hoxe, en 1968, neste xornal, Viasa anunciaba catro voos semanais a Caracas, vía Madrid ou vía Lisboa.

Cando Memorias dun neno labrego se publicou en Galicia o escritor estaba en Cuba, onde residía dende 1961, traballando no Ministerio de Industrias e escribindo sen parar. Ese mesmo ano, o 23 de decembro, publicaba Historias de emigrantes, editada polo Patronato de la Cultura Gallega de Montevideo, e un ano despois, Inquedo latexar, editado por Xistral. Neira Vilas non volvería a Galicia dende a súa marcha como emigrante ata 1972. Dende esa data pasou, como explica Luís Reimóndez, 20 anos volvendo con visitas espalladas no verán, ata que en 1992 ficou definitivamente, primeiro con Díaz Pardo, e logo en Gres. Da primeira edición de Memorias dun neno labrego editada por Follas Novas imprimíronse 2.000 exemplares. Agora van máis de 800.000 e as andanzas de Balbino, traducidas a 17 idiomas e levadas ao teatro, seguen dándoo a coñecer por todo o mundo.

Sés, Xaquín Marín, Cadaval e Marilar Aleixandre, novos Bos e Xenerosos

A sede da Fundación Eduardo Pondal, no Couto (Ponteceso), acolleu onte a entrega de premios da décima edición dos premios Bos e Xenerosos outorgados pola entidade pontecesá en recoñecemento non só ás traxectorias persoais, senón tamén ao compromiso coa cultura e a lingua galegas. A cantante María Xosé Silvar, Sés; o debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o contador de historias, actor e director teatral Quico Cadaval foron os galardoados nesta ocasión. Un acto cálido na aldea do Couto que dá inicio a catro días moi intensos: comezou a 36.ª edición das Festiletras.

Todos os textos teatrais de Luísa Villalta, recollidos nun volume

Alexandrina Fernández Otero é a responsable da edición, o prólogo e as notas do libro Obra dramática completa de Luísa Villalta, que foi presentado onte na agrupación Alexandre Bóveda da Coruña. Nesta obra están recollidas as pezas O representante, Concerto para un home só, Os doces anos da guerra, O paseo das esfinxes e As certezas de Ofelia, así como a tradución que a poeta e ensaísta fixo do Manifesto para un novo teatro, de Pier Paolo Pasolini.

Unha das pezas, O paseo das esfinxes, será estreada no teatro Colón o día 23 de maio pola compañía Teatro Proscrito e baixo a adaptación e dirección de Lino Braxe. O espectáculo está producido pola Deputación e «trátase da primeira estrea dunha obra da autora en gran formato e por unha compañía profesional», indica Braxe.

A Filharmonía estrea a peza «Dous folios que foron brancos»

A obra de María Victoria Moreno ten melodía propia. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, estreou onte no Auditorio de Afundación de Pontevedra a peza baseada nos seus textos, Dous folios que foron brancos, composta por Miguel Matamoro por encargo do Consello da Cultura Galega. O concerto conmemorativo das Letras Galegas, no que tamén se musicaron textos doutros poetas galegos, contou co acompañamento das voces da soprano Anaís Fernández, do Collegium Compostelanum, da agrupación Sólo Voces e do Coro de Cámara Rías Baixas.

O CDG leva «Divinas Palabras Revolution» en galego a Madrid

O Centro Dramático Galego celebra hoxe en Madrid o Día das Letras coa primeira das representacións de Divinas Palabras Revolution, no Teatro Español ata o día 27. É a primeira adaptación ao galego da obra de Valle-Inclán, quen en Madrid se representará nesta lingua con sobretítulos en castelán. Precisamente a peza orixinal foi estreada no mesmo teatro en 1933, baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif e con escenografía deseñada por Castelao.