La Voz presentou na Academia o seu libro sobre María Victoria Moreno

Redacción LA VOZ

CULTURA

Marcos Míguez

O volume pode adquirirse co xornal do día 17 por 1 euro mais o cupón do lombo do diario

15 may 2018 . Actualizado a las 18:33 h.

La Voz de Galicia presentou este martes na sede coruñesa da Real Academia Galega o libro co que tradicionalmente se suma á celebración do Día das Letras Galegas. Trátase dunha obra arredor da figura homenaxeada o 17 de maio, data na que o xornal ofrecerá este volume aos seus lectores, polo prezo de 1 euro mais o cupón no lombo do diario. Este ano é María Victoria Moreno. A proeza da súa vida e da súa literatura, escrito por Xesús Alonso Montero, unha das persoas que mellor coñeceu á escritora.

No acto de presentación do libro, Alonso Montero converteu a súa intervención arredor de María Victoria Moreno nunha auténtica lección sobre a autora e o poder da literatura. A escritora nacera en Valencia de Alcántara, pasara a súa infancia en Segovia e a adolescencia en Barcelona, e chegara a Galicia despois de estudar en Madrid. Falaba un castelán, en palabras de Alonso Montero, que era «unha festa fonética, rítmica, léxica, gramatical». Este amor pola lingua levouno Moreno ao galego, facendo un «apostolado lingüístico» como nunca se viu. Ademais, Alonso Montero, que coincidiu con Moreno como docentes no instituto de Lugo e a quen uniu unha amizade de por vida, gabou a súa obra de creación, dende os contos de Mar adiante á novela de iniciación Anagnórise, pasando polos seus poemas e textos filolóxicos.

Pola súa banda, o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, tamén se referiu a Anagnórise, un libro, dixo, que paga a pena ler cos fillos antes de que entren na adolescencia, para que esa etapa vital teña máis sentido. O director tamén aludiu ao compromiso de María Victoria Moreno co galego durante o franquismo, nuns anos nos que «a resposta para todo era non, unha actividade que lle valeu a retirada do pasaporte. Citou ademais a súa paixón polo Quixote e rematou a súa quenda coas palabras de María Victoria Moreno na Ponte das Palabras en Pontevedra: «As persoas estamos feitas para levar a cabo os proxectos máis fermosos».

Abriu e pechou o acto o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, quen se referiu ao acto xa tradicional que une á institución con La Voz arredor do Día das Letras. Freixanes ligou a paixón docente, pola lingua e pola literatura, de María Victoria Moreno, coa presenza do alumnado do CEIP Cidade Vella, que recitaron varios poemas da escritora, entre eles, o titulado Fala un mendigo ao seu can, que comeza co verso «Eu vin a luz de Deus na túa ollada»; «Un señor verso», confirmou Freixanes. Tanto os raparigos de terceiro e quinto de primaria, como a nova violinista Antía Ameixeiras, representaron esa semente de futuro que María Victoria Moreno deixou na súa obra para as xeracións vindeiras.