Eses esforzos nos últimos anos da ditadura e os incertos da Transición sentarían as bases para que, unha vez que o galego accedeu ao ensino oficial, se puidese dotar de materiais literarios a docentes e alumnado, enchendo o baleiro que ata entón había. María Victoria Moreno contribuíu tamén a este labor non só con textos de creación, senón ademais con manuais académicos para as aulas.
E así foi como chegaron, nesa década dos oitenta, dúas das súas obras máis importantes, Leonardo e os fontaneiros e Anagnórise, esta última, con gran éxito de público e traducións -tamén formou parte da Biblioteca 120 de La Voz-, aínda que ela preferise, persoalmente, a primeira. Foi a mesma década na que empezaron os recoñecementos na forma dos premios nacionais de literatura infantil e xuvenil, que distinguirían en 1986 a Paco Martín e, a partir del, a Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas e Antonio Fernández Teijeiro. Malia estes éxitos e o camiño andado, ás veces este tipo de obras considéranse secundarias da «gran» literatura. Unha vez máis, María Victoria Moreno tíñao claro: «Sei escribir para adultos, pero non me interesa escribir para eles».