A primeira película sobre Rosalía retrata o lado máis íntimo da poeta

Zenit preestreou en Compostela o filme televisivo que recrea a súa historia de amor con Murguía


Santiago / la voz

Madrid. Mediados do século XIX. As conspiracións están á orde do día no final da era absolutista. A capital de España é unha cidade «cuajada de palacios, sembrada de jardines, llena de lujosas damas y rebosando alegría», describía daquela unha Rosalía de Castro aínda nova, entusiasmada por escribir e por coñecer novas fronteiras culturais. Alí se fragua a muller feminista e namorada que retrata Contou Rosalía, a primeira película sobre a poeta galega, na que se amosa o seu lado máis íntimo, ao tempo que se refire a unha das súas obras máis descoñecidas, El caballero de las botas azules.

Lonxe da imaxe melancólica de Rosalía, a ficción que Zenit preestreou onte en Compostela presenta a unha moza desafiante e apaixonada que loita contra as convencións da época nuns tempos nada doados para as mulleres. A longametraxe recrea a súa historia de amor co historiador e escritor Manuel Murguía. Primeiro, unidos pola preocupación polo pobo galego, e logo, pola paixón. A propia Rosalía narra como labra o seu camiño en parella e trata de esquivar as pedras dunha sociedade machista.

Dirixida por Zaza Ceballos, a obra para televisión estrearase na TVG o próximo mércores, na véspera do Día das Letras, seguida dun documental sobre a nova aposta audiovisual de Zenit, a cal se suma aos traballos anteriores en colaboración coa canle autonómica e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) baseados nas vidas de Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Juana de Vega, cos que busca poñer en valor o papel de mulleres pioneiras.

«Amósannos o pasado recente de Galicia, fálannos do cambio social e económico que experimentamos como pobo sen perder as nosas raíces e reflicten figuras que traballaron en prol dunha sociedade máis xusta e moderna», destacou o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación de Contou Rosalía. Sutil estivo acompañado pola directora do filme, o director de proxección social da CRTVG, Xaime Arias, e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quen enxalzou á poeta coma «todo un emblema» que «une Galicia» e que, porén, «carecía dunha produción no mundo do audiovisual» que se ocupase da súa figura.

Contou Rosalía, na que Melania Cruz encarna á escritora e Fran Lareu a Murguía, emitirase en forma de miniserie (en dúas entregas). A rodaxe desenvolveuse entre maio e xuño do ano pasado. Conta cun reparto integramente galego e filmouse enteiramente en Galicia. Entre as localizacións elixidas están o pazo de Quiroga de Abegondo, diferentes edificios e exteriores da Coruña, o castelo de Corcubión e o IES Eusebio da Guarda.

Zenit destacou o esforzo feito na recreación histórica das localizacións e as caracterizacións (traballaron a partir de fotos e documentación da época para recreala).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

A primeira película sobre Rosalía retrata o lado máis íntimo da poeta