A historia de María Victoria Moreno sobe aos trens de media distancia

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

ANGEL MANSO

O repousacabezas leva a figura da escritora, nunha iniciativa de Política Lingüística

10 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«É unha campaña moi peculiar de Política Lingüística, en colaboración con Renfe, que o que pretende é traer as letras galegas a un espazo que non é unha academia, nin un lugar docente, pero é un espazo moi importante pola cantidade de viaxeiros que mobiliza Renfe nestes trens». Así explicaba Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, como a historia de María Victoria Moreno vén de subir a «trece trens que fan os servizos de media distancia e Avant e que levarán nos seus asentos repousacabezas coa campaña institucional das Letras Galegas 2018». A imaxe que pode verse neses asentos é obra de David Pintor, debuxante de La Voz de Galicia.

Ademais, explican desde a Xunta, nas estacións de dez cidades galegas (A Coruña, Santiago, Vilagarcía, Pontevedra, as dúas de Vigo, Ferrol, Lugo, Monforte e Ourense) poderán verse os carteis gañadores do concurso das Letras Galegas convocado entre alumnos de primaria e secundaria. «Para min son máis bonitos os de primaria, teñen máis colorido, que os de secundaria», comentaba un dos responsables de Renfe que participou onte na presentación desta iniciativa, un acto que tivo lugar na estación de San Cristovo da Coruña.

Dentro dun dos trens, Valentín García dicía: «Este é un lugar para chegar moi facilmente a persoas que botan moitas horas aquí e que, mirando as pantallas e os repousacabezas, poidan saber quen foi María Victoria Moreno e da importancia da lingua galega». Lembrou que era a segunda edición desta campaña e que desde o seu departamento buscan que «a lingua estea presente en tódolos ámbitos da sociedade, no día a día, e no transporte de viaxeiros tamén». Apuntou que María Victoria Moreno tiña colaborado creando textos para a ruta rosaliana en tren e, como curiosidade, dixo que Rosalía alugou a Casa da Matanza porque estaba enfronte da estación do tren.

Sobre este xeito de difundir as letras galegas indicou García: «O ano pasado era o de Carlos Casares, que era un namorado do tren, e iso foi o que nos fixo establecer esta relación con Renfe que volve dar os seus froitos, da que estamos moi orgullosos, e temos que agradecer que unha compañía pública, quizais da máis grandes de España, teña esta sensibilidade cunha das linguas cooficiais do Estado».

O primeiro que atoparán os pasaxeiros ao subir a estes trens será un cartel que fala da «vida, creación e compromiso. Unha infancia estremeña» de María Victoria Moreno Márquez.

Reparto de libros e chapas

«As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos». Isto deixou escrito María Victoria Moreno nun dos seus libros, Anagnórise. É a reflexión que pecha a publicación que leva por título o seu nome e como subtítulo Unha ollada a través dos seus libros, e que será repartida entre os usuarios do tren o 17 de maio, xunto cunhas chapas que invitan a utilizar o galego. A publicación recolle unha breve biografía e os seus libros: «Desde o seu primeiro título, Mar adiante, ilustrado por ela mesma, presentamos pequenas mostras de diversas edicións de cada unha das súas principais obras, que acreditan o labor das editoriais nas que publicou e tamén o traballo dunha ducia de artistas que ilustraron os seus libros».

A TVG emitirá pezas baseadas en «A festa no faiado» e «Anagnórise»

A programación da Televisión de Galicia na semana das Letras Galegas levará aos fogares galegos a obra de María Victoria Moreno. Será a través de pequenas pezas audiovisuais realizadas a partir dos textos da autora homenaxeada A festa no faiado e Anagnórise.

Os traballos, realizados por Algarabía Animación, iranse intercalando entre a programación da TVG ao longo da semana das Letras. Tamén se poden visualizar na web de Cultura de Galicia, www.cultura.gal.

Concerto das Letras Galegas en Pontevedra dedicado á autora

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá en Pontevedra o tradicional Concerto das Letras Galegas, organizado polo Consello da Cultura Galega. Será o vindeiro mércores, 16 de maio, ás 21 horas, no auditorio da Fundación, e estará dedicado a María Victoria Moreno.

O presidente do Consello, Ramón Villares; o alcalde, Miguel Fernández Lores; o director da Filharmonía, Maximino Zumalave, e representantes de Afundación e Abanca, presentaron onte programa deste concerto, no que se estreará a obra Duns folios que foron brancos, de Miguel Matamoro, que musicou dous poemas de María Victoria Moreno.

A soprano Anaís G. Fernández Cerneira e as voces do Collegium Compostellanun e do Coro de Cámara Rías Baixas acompañarán a Real Filharmonía.

A Gala do Libro quere amosar a calidade do sector literario en Galicia

Montse garcía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia únense por terceiro ano para organizar a Gala do Libro Galego, que busca ser un escaparate do gran potencial do libro na comunidade. Son máis de sesenta os nomeados que optan a levar un recoñecemento nas catorce categorías o 19 de maio no Teatro Principal de Santiago.

Dende a organización incidiron na calidade do sector literario galego e, ao mesmo tempo, reivindicaron máis respaldo público. «Queremos esixir unha decidida e decisiva intervención a prol da nosa cultura, a lingua e os nosos libros. É fundamental que o libro non perda espazo nos deseños lexislativos e orzamentarios do goberno galego», incidiu a presidenta da Federación de Librarías, Pilar Rodríguez, en nome dos tres colectivos. «Non é fácil manter a tensión creativa nun momento de menor edición», engadiu o presidente do colectivo de escritores, Cesáreo Sánchez Iglesias, que tamén pediu apoio para «saír desta desolada intemperie». Pola súa banda, Henrique Alvarellos, vicepresidente da Asociación de Editores, lembrou a «enorme calidade e diversidade do noso sistema literario» e destacou a importancia do traballo conxunto para estenderse a outras iniciativas nese obxectivo de gañar lectores.

A Gala do Libro conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Durante a gala, ademais dos premios aos gañadores de cada unha das catorce categorías, o colectivo de escritores tamén entregará o recoñecemento como Escritora Universal Galega á autora catalá Isabel-Clara Simó.