Os inicios de María Victoria Moreno en galego volven nunha edición facsímile

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

O Consello da Cultura homenaxea á escritora coa publicación do seu libro «Mar adiante» e o conto «Crarisca»

04 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O 18 de marzo de 1973, en Lugo, María Victoria Moreno asinaba a dedicatoria do seu primeiro libro en galego, Mar adiante. Historias de nenos pra nenos, dirixida ao escritor Xesús Alonso Montero e á súa muller Emilia Pimentel. «Para vós, Emilia e Xesús, máis pais deste libriño ca min. Amigos a quen debo, entre outras cousas, a miña galeguidade e mais a miña maioría de idade. Co corazón todo, María Victoria». Agora, 45 anos despois, o Consello da Cultura Galega tomou como base ese libro de Edicións do Castro para a súa homenaxe á escritora protagonista do Día das Letras Galegas. Unha edición non venal cunha tirada de cincocentos exemplares que ten como obxectivo, segundo destacou o presidente da institución, Ramón Villares, axudar a difundir a obra da escritora.

Esta edición facsimilar do libro non chega soa. Conta con dous estudos introdutorios, un de Ramón Villares e outro do ex-presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, este máis persoal. «Fun eu quen coidei aquela primeira edición», lembrou o escritor, que destacou que nesta primeira «os personaxes teñen todos nomes de persoas reais». Entre elas, os dos seus fillos ou do tamén escritor Xesús Rábade Paredes.

Nesta edición conmemorativa hai unha versión inédita do conto Crarisca, que María Victoria Moreno lle dedicou a Sara Alonso Pimentel con debuxos propios. «Tiña este conto como un tesouro, como algo meu, e decidín deprenderme deste cacho do meu corazón e compartilo», afirmou Sara Alonso Pimentel, quen incidiu na vixencia do legado da escritora, con libros que non caducan, xa que aborda temas propios dos adolescentes, como o amor.

Pola súa parte, o viúvo de María Victoria Moreno, Pedro Ferriol, destacou durante a presentación da edición conmemorativa que Mar adiante «marcó el despertar de la obra literaria» da escritora que naceu en Cáceres. Lembrou que María Victoria fixo época na literatura infantil, sendo unha adiantada ao seu tempo. Indicou que despois dun tempo no que a súa obra estivo «un poco olvidada», agora, «por suerte, ha resurgido de las cenizas».

A Cidade da Cultura organiza unha lectura participativa da obra da autora

A Cidade da Cultura organiza unha lectura participativa de obras de María Victoria Moreno o próximo 17 de maio, que será emitida polas redes sociais. A actividade leva por nome «Eu conto», título baseado nunha publicación da escritora homenaxeada polo Día das Letras Galegas, e desenvolverase en diferentes espazos do conxunto arquitectónico do Gaiás. Deste xeito, os que nesa xornada se acerquen ao complexo serán invitados a unha breve lectura dun fragmento da creación literaria de María Victoria Moreno que eles mesmos escollan entre a escolma realizada anteriormente por Sara Alonso Pimentel, especialista na obra da escritora nacida en Cáceres. Estas lecturas poderán seguirse a través de Facebook, Twitter e Instagram e despois editarase un vídeo.

Fuxan os Ventos poñen música a «Lúa de prata»

O histórico conxunto Fuxan os Ventos vén de sumarse á celebración do Día das Letras coa gravación e difusión dunha canción na que levan ao terreo musical un poema de María Victoria Moreno. Trátase de Lúa de prata, que xa se pode escoitar en YouTube, así como nas plataformas Spotify, Apple Music, Google Play e iTunes. «Esta canción pretende lembrar á escritora que tan fonda pegada deixou nas nosas letras, especialmente na literatura infantil e xuvenil», anuncia o grupo na presentación de Lúa de prata. Na canción colaboran con Fuxan os ventos Roi Adrio (percusións), Simón García (contrabaixo), Adrián Valdés (fagot) e Miguel Díaz (clarinete). En anos anteriores o conxunto tamén puxo música a versos doutros autores homenaxeados o 17 de maio, como Manuel María ou Díaz Castro.