«Quizais é difícil facer cine en galego e que cho queiran en Madrid»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

CULTURA

OSCAR CELA

Andrés Goteira recoñece que Dhogs pode resultar chocante para o espectador, porque non é clásico ou de masas

29 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha película que se estreará nas salas comerciais o vindeiro mes e que ten conseguido premios en festivais de España e doutros países. Falamos de Dhogs, cuxo director é Andrés Goteira (Meira, 1983). Detrás da produción está un proxecto, Gaitafilmes, que ten, como o director, as mesmas orixes na Galicia oriental.

-Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é unha necesidade. Son expresións de Chano Piñeiro. Está de acordo con eses puntos de vista?

-Por suposto. É a forma de vivir que temos aquí. Se en Noruega fan cine en noruegués, por que non en galego aquí?

-Paga a pena asumir esa situación, que ten algo de risco?

-Pódese compartir. É cuestión de ver iso como noso ou non. Quizais é difícil facer cine en galego e que che queiran ese cine en Madrid. Iso si é complicado.

-Para atopar financiamento para a película, a produtora escolleu os pequenos patrocinios, con achegas relativamente reducidas. É inevitable ter que elixir ese modelo?

-Non sei. Supoño que para a Administración é difícil confiar en quen non fixo algo con anterioridade. Por iso apostamos por ser nós os produtores; por acudir aos amigos, aos amigos dos amigos, aos parentes. Unha vez que a comunidade confía en ti, as institucións tamén [o Concello de Meira, a Deputación de Lugo e a Xunta teñen participado tamén con fondos]. Gústame o de facer unha comunidade dende abaixo e que nos apoien dende arriba.

-Unha das principais estreas recentes do cine feito en Galicia foi «A esmorga», que xa fora levada antes á pantalla. Sente a tentación de revisar outros títulos literarios que xa foron adaptados?

-Gustaríame ler máis para contar algunha historia. Hai anos, faláronme de libros, que teño pendentes de ler, porque me dixeron que me ían gustar. Con este caos, non teño tempo. Seguro que algunhas historias me gustarían; non sei se algo tan cru como A esmorga.

-Hai algún libro que lle gustaría levar ao cine?

-Non sei por onde podería ir. Non lin moita literatura galega, e a que lin non me gustaría adaptala. Quizais buscase algo de autores diferentes, como Tras do solpor, de Haruki Murakami, que está traducido ao galego. Gústame ese mundo abstracto, e non dou atopado nada que vaia por aí en galego; quizais, claro, porque me faltan lecturas.

-Pode ser unha presión ese conxunto de premios recibidos pola película cando aínda non se estreou?

-Si que o é. Os premios son unha repercusión sobre algo, e estamos diante dunha película que non é cine do normal, senón algo chocante para o espectador. Vou a festivais, e vexo que hai xente que ama a película e xente que non. Agora, nas salas, haberá xente á que lle chocará. É unha película dura, crítica, narrada dunha maneira especial: se non entras nela ou non a entendes, podes pensar que te están a vacilar. É un cine non experimental, pero tampouco é o clásico ou o de masas.

-Cre que os premios xa acadados lle abriron ou lle han abrir portas?

-Supoño que os premios poden abrir portas, pero máis ben para poder financiar proxectos. Á hora de producir, creo, podes ter máis apoios, porque saíndo de abaixo, da nada, chegaches arriba. Unha segunda oportunidade, creo, ben a merecemos. Que nos apoien a Televisión de Galicia ou a Xunta é unha grande axuda. Facemos cine contemporáneo, en galego.

«Non vexo un ‘lobby’ que nos apoie como Cataluña defende o seu»

O éxito dunha película rodada en galego quizais sorprenda a algúns, que, porén, xa están afeitos a ver que triunfan series en galego. Andrés Goteira pertence ao grupo dos que ven tan normal os éxitos na pantalla grande como na pequena. «Hai xente como Óliver Laxe, Anxos Fazáns... Nós estamos aí, loitando polo xénero. Creo que no cine hai máis diversidade ca nas series; vexo un abano máis amplo. Pero, ao cine, que se lle pide: que sexa cultura ou cousa de masas? Os que queiran facer un cine máis de autor teñen un xeito máis precario; no de masas é máis precario», comenta Goteira.

O que acuda aos cines para ver Dhogs, ademais de escenarios tirados de diversos lugares de Galicia, tamén atopará no reparto caras coñecidas do audiovisual galego que amosan capacidade para competir con nomes consagrados do cine español.

-Será difícil concentrarse en novos proxectos despois de todo o vivido arredor de Dhogs?

-Non. Dhogs sempre será especial para min, pero estamos a armar novos proxectos. Queremos facer de Gaitafilmes un proxecto viable.

-Funciona en Galicia unha industria do cine ao mesmo nivel que hai, por exemplo, directores ou actores?

-Non vexo un lobby que nos apoie e nos defenda como Cataluña defende o seu cine. Os vascos tamén se defenden ben. En Galicia non temos esa cultura; creo que podemos ir pouco a pouco. Aos Óscar foi preseleccionada unha película en catalán, Verán 1993. Iso é sentirse orgulloso. En Galicia non hai unha distribuidora que tire dunha película en galego; non noto iso, non vexo unha distribuidora que faga iso. É un orgullo para os vascos e os cataláns. Aquí sería bonito; a ver se seguimos loitando...