Maruxa Mallo, Castelao e Souto apoian a Seone nas «Trece estampas da traizón»

Rodri GArcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

A Fundación Luís Seoane acolle ata o martes a exposición «13 estampas da traizón»

29 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo dos 80 anos da súa publicación, a Fundación Luís Seone acolleu nos últimos meses a exposición 13 estampas da traizón que pechará o próximo martes. Neste álbum, un Seoane que tiña entón 27 anos «sinalaba aos responsables do golpe de Estado de 1936 e aos seus cómplices e poñía de manifesto a dramática situación da poboación civil por mor do conflito». Isto indican os responsables dunha mostra comisariada por María Antonia Pérez Rodríguez, profesora da Universidade da Coruña, que fixo a súa tese doutoral sobre Luís Seoane a través da prensa (1929-1979), e Silvia Longueira, licenciada en Historia e directora da fundación. O seu obxectivo con esta exposición é facer «un retrato do momento cultural e histórico que acompañou a súa publicación mediante un proceso de contextualización que inclúe obra plástica doutros artistas, documentación diversa e abundante bibliografía». Así, a visión da guerra de Seoane está reforzada pola doutros artistas galegos presentes na mostra como son Castelao, coa súa triloxía composta por Galicia Mártir, Milicianos e Atila en Galicia; Arturo Souto, con Dibujos de la guerra; e Maruxa Mallo con textos publicados en La Vanguardia, ademais dos debuxos, gravados e un óleo de Manuel Colmeiro e os debuxos que Camilo Díaz Valiño fixo estando na cadea.

Unha das cuestións sobre a que as comisarias centran o proxecto é que na mostra pode verse a influencia que nestas estampas de Seoane tiveron os representantes das vangardas históricas, algo reflectido nunha selección de volumes cedidos pola Real Academia Galega dos fondos pertencentes á biblioteca persoal do artista. Trátase de «catálogos de exposicións e monografías de valor excepcional que amosan o interese que Seoane tiña, xa entón, polas numerosas correntes artísticas que se estaban a desenvolver fóra das nosas fronteiras». Artigos de opinión, revistas, libros e folletos de propaganda política da época serven para documentar as circunstancias nas que naceron estas 13 estampas da traizón.