Gran Serán para festexar a próxima declaración BIC do baile galego

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Patricia Calveiro

Participarán un milleiro de artistas en máis de 40 actuacións 

27 abr 2018 . Actualizado a las 16:02 h.

Un gran serán no que participarán un milleiro de artistas en máis de 40 actuacións festexará en Compostela o recoñecemento do baile galego como patrimonio inmaterial. A cita foi presentada onte, día no que o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución de Patrimonio de iniciar o expediente da declaración desta manifestación cultural como ben de interese cultural (BIC). Isto servirá, destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para «dotar ao baile galego da protección que merece como mostra sobranceira do noso patrimonio». O titular do departamento estivo arroupado no acto de presentación do Serán 01 -que terá lugar entre o 8 e o 10 de xuño no Gaiás- por medio cento de artistas de agrupacións folclóricas de toda Galicia e diversas autoridades. O secretario de Cultura, Anxo Lorenzo, indicou que a cita se enmarcará no primeiro Encontro Galego da Cultura Popular, «que nace con vocación de continuidade».

Para iso, segundo destacou Quique Peón, director artístico do Serán 01, haberá un festival cos mellores grupos galegos, artistas consagrados (Davide Salvado, Uxía, Budiño, Leilía e Susana Seivane, entre outros), un desfile do traxe tradicional, un concerto de coros históricos, unha feira con más de medio cento de postos, presentacións de libros e curtas, actividades para nenos e obradoiros de danza galega, entre outras moitas propostas.