A reeducación de Rodrigo Romaní

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

O arpista publica «Fios de ouro no ár», o primeiro álbum que grava despois do accidente doméstico no que perdeu un dedo

27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Son cousas que o cerebro ten fixadas mecanicamente, polo que tiven que esquecer o anterior [asentado durante decenios de práctica] para poder aprender a facer de maneira distinta. Fun discorrendo e, entre unha cousa e outra, saíu o truco. Foi un aniño de reeducación». Quen fala é o arpista Rodrigo Romaní (Noia, 1957), que vén de gravar o seu primeiro álbum -Fios de ouro no ár- desde que o 9 de xullo do 2013 perdera a falanxe dun dedo da man dereita nun accidente doméstico. Confesa que naquel momento creu que era o final. «Ata aquí chegamos, pensas, e tiveches moita sorte, pero haberá que resignarse. A outro asunto, a tocar o contrabaixo ou... Hai 50.000 cousas que facer na vida». Pero foron pasando os meses, a xente animábao, e coñeceu algún artista que tras pasarlle o mesmo, e porfiando, resultou un caso de superación formidable. Anulou a xira de As arpas de Breogán (2012) e púxose ao labor. «Houbo que aprender unha técnica nova. O anular, o medio, o índice e o polgar son os dedos que se precisan para tocar a arpa. O maimiño non se utiliza. Pero o anular da man dereita quedou inservible e -relata- tiven que aprender a tocar pasando do maimiño ao medio directamente... Ata deixei as uñas longas para que me dera a distancia».

Hoxe contempla aquilo con humor: «Tecnicamente son un arpista discreto, coma antes. Os meus recursos técnicos son similares. Podo enfrontar normalmente polo menos as pezas que enfrontaba antes. Cunha certa dificultade, pero si. Non noto unha gran diferenza. Estou adaptado. Do que se trataba era de seguir tocando a arpa e iso está conseguido. Aí estamos», festexa.

O que si abandonou foi a docencia. «Deixei de dar clase. A técnica xa non é transmisible. Foi unha renuncia importante, aínda que á xente nova, a que tocou comigo naquela época, sigo botándolle unha man. Pero clases oficialmente non dou, dou consellos se alguén mos pide». El segue, porén, en contacto cos mozos, cos novos talentos, a través da orquestra de folk Sondeseu e da Etrad (Escola municipal de música folk e tradicional de Vigo), que continúa a dirixir.

Boa proba do seu regreso é o seu cuarto disco en solitario -despois da súa saída de Milladoiro, formación mítica da que foi un dos fundadores-: Fios de ouro no ár, un título que está tirado duns versos do poeta (tamén noiés) Avilés de Taramancos nos que Romaní viu unha fermosa imaxe da musicalidade da arpa.

A combinación de dúas arpas non é moi habitual, admite, pero, contrariamente ao que ocorre con outros instrumentos, o diálogo funciona: «Expándense, multiplícanse, ofrecen moitos recursos. A fórmula proposta é dúas arpas soando alegres, ás veces tamén etéreas, cun acento galaico, celebrando a tradición oral, ou imitándoa, e cruzándose no aire, cunha tímbrica moi aberta; despois vén a percusión e o contrabaixo e colócaas de novo na terra, nun espazo máis tanxible».

Nin moi celta nin «new age»

Tamén hai algún atrevemento, di, ao xogar coa música culta, ao acompañarse en dúas pezas dun cuarteto de corda clásico, con alusións a sons de diversas orixes... Pero a tradición oral vertebra un produto netamente galego. Este foi o seu desvelo, que o disco soase galego. Para iso mantense preto do repertorio popular, do cancioneiro medieval, das fontes. «É a forza da tradición oral e as súas metáforas de baile. Non quero quedar nun plano moi celta, moi etéreo. Gústame arrimar os pés á terra. Quería fuxir dunha atmosfera moi mística, para que o disco non soara moi new age. O que nos salva de pasarnos nesa onda é tirar da tradición oral, as voces dos vellos, as letras, as danzas, as cousas que lle dan vidilla á música. O que ten a arpa é que soa sempre ben, achégaste a ela e corres o risco de flipar e estancarte nuns ambientes moi bonitos».

Concerto, no Teatro Rosalía, A Coruña, ás 20.30 horas.

Rodrigo Romaní, Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión) presentan «Fios de ouro no ár». E, como músicos convidados, Nani García e Guillerme Ignacio.