Feitizo na casa do pai de Balbino

O espírito do escritor mantense vivo en Gres, Vila de Cruces, onde os visitantes, da man de Luís Reimóndez, afondan na vida e a obra dun home que converteu a súa aldea en universal


Lalín / La Voz

O sol brillaba nun ceo azul con nubes bordadas nun mantel de primavera que cubría Gres con agarimo. Ao enfilar o coche cara a Fundación Neira Vilas, o primeiro que se ve tirando costa arriba é unha pedra co escudo de Galicia, que dá conta de que na Casa do Romano, a poucos pasos, naceu Xosé Neira Vilas un 3 de novembro de 1928. Ao chegar recenden no patio os ecos daquel acto promovido por Manuel Reimóndez Portela. As verbas do seu fillo, Luís, presidente da Fundación, obran o feitizo e transpórtannos a aquel 9 de outubro de 1982 no que se colocou a pedra ao pé da casiña, xa en ruínas. Alí están os nenos dos colexios que bulen arredor, os intelectuais, as autoridades e a nai do escritor (ausente na Habana), encargada de descorrer a bandeira de Galicia que deixou ver a pedra.

Unha escaleira exterior conduce á que foi a vivenda de Anisia Miranda e Neira Vilas, chea de recordos e agasallos, e nos que non faltan os balbinos feitos polos nenos. Un piso pequeno ao que se accede a través dunha porta dun azul verdoso que recorda o mar. Fronte a ela, en ringleira, toman o sol os cactos, que eran de Anisia. Ao entrar, o visitante atópase cun espello e unhas cadeiras de brazos de vimbios. Na da dereita, Neira Vilas recibía os visitantes arrimando outra ao que entraba, brindando asento e o comezo dunha conversa infinda, das que tanto gustaba. Escoitando a Luís Reimóndez podemos imaxinar ao pai de Balbino cantaruxando ao espertar, despois de poñer algo de música e dando uns pequenos pasos de baile como acostumaba. Nun estante están as cintas de casete e os cedés de Mercedes Sosa, Dulce Pontes, Roi Casal e A Quenlla mesturados con música clásica e ópera. Un aparador serve de separador e agocha unha diminuta cociña. Nunha esquina hai unha nota do escritor, con varios exercicios para mover o esqueleto. Neira sumaba aos tratamentos médicos todo canto remedio caseiro lle recomendaban. Un papel aínda reza: «Días pares: lecitina. Días nones: pole».

No seu despacho o tempo detívose. Alí está a súa vella máquina de escribir, unha Olivetti Lettera 35, e un teléfono. Os imprescindibles dun home metódico, ordenado e un traballador infatigable. Reimóndez explica que está xa na imprenta De Gres a Cádiz, «unhas memorias nas que fala del mesmo dende que saíu da aldea ata que colleu o barco para ir a Arxentina». Enriba da súa mesa descansa unha carpeta de asuntos «en trámite».

Na Fundación Neira Vilas cada sala ten nome propio. A casa natal, reconvertida en biblioteca, alberga uns 9.500 volumes e leva o nome da súa primeira bibliotecaria: Anisia Miranda. Na planta baixa, o museo Manuel Reimóndez Portela xa suma algo máis de 400 pezas. Un gabinete de curiosidades do mar e da terra, que contén dende apeiros ata o temón dun barco. Agocha obxectos persoais como os zoquiños feitos polo seu avó, que Neira Vilas calzaba con dous anos, e a carteira de coiro coa que o escritor repartía a correspondencia polas aldeas. Cun papel amarelo documéntase un portafolios de coiro, agasallo de Anisia a Neira Vilas cando eran noivos e feito por ela mesma cun escudo de Galicia repuxado na pel.

Subindo seis chanzos, ao carón dunha varanda vermella atópase a biblioteca de adultos e a sala de reunións á que Luís Reimóndez quere dar o nome de Díaz Pardo. Sobre a mesa, os logotipos para os 25 anos que cumpre neste 2018 a Fundación, agasallo da editorial Bolanda, e que o presidente da Fundación quere celebrar cunha festa popular. No edificio anexo, abaixo, está o salón de actos dedicado a Luís Seoane, escenario de tantos actos. Nas paredes penduran os seus gravados e uns panos de mesa enmarcados, firmados por Seoane, Laxeiro e Díaz Pardo, lembranza dunha cea. Marchamos non sen antes ollar dende o patio o cemiterio onde Neira Vilas descansa para sempre ao carón de Anisia. E no ar, parécenos oír un «ata outra», dun escritor que converteu a súa aldea en universal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Feitizo na casa do pai de Balbino