A asociación de actores critica o «esmorecemento» do CDG

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

O colectivo alerta da mingua da súa actividade e distribución

19 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) criticou onte o que considera «a grave situación que atravesa o Centro Dramático Galego (CDG)». O colectivo actoral alerta dun «esmorecemento» na actividade da institución pública teatral, a mingua na contratación de intérpretes, as polémicas na selección de elencos, que ademais serían máis reducidos nos últimos anos, a desconexión co público, a escasa distribución das montaxes e un principio de externalización dos servizos artísticos. Disto último a AAAG pon como exemplo a adxudicación da contratación da dirección, dramaturxia, tradución e interpretación de protagonistas da montaxe Divinas palabras «polo sistema de procedemento negociado sen publicidade, por exclusividade, cunha entidade única e determinada, nomeadamente Chévere Producciones S.L.». Para a entidade de intérpretes, isto cruza «coa externalización, o que fai dubidar de que a obra poida ser considerada como unha produción propia do CDG en estrito senso». A AAAG é partidaria de dotar ao CDG dunha «entidade xurídica propia, con autonomía real e orzamento de seu», polo que avoga por unha «refundación» da institución.

Dende a Consellería de Cultura afirmaron onte que o CDG incrementou «considerablemente» a súa actividade, así como a asistencia á sala, o traballo de grupos e a captación de novos públicos. Con respecto á distribución, lembra que o calendario non depende exclusivamente do teatro público, pero que se poñen todas as facilidades para chegar a todo o público galego, e que, en todo caso, non se pode equiparar a distribución coa dunha compañía privada para evitar competencia desleal.

Sobre a externalización, en Cultura sosteñen que «en ningún caso se corresponde coa realidade». A fórmula actual responde «a buscar unha alternativa real para poder conformar un elenco mixto, formado por dous intérpretes previamente seleccionados polo director artístico da montaxe, e sete intérpretes seleccionados por medio de concurso público, de forma que se compatibilice a liberdade artística coa concorrencia en igualdade de condicións».

A AAAG tamén criticaba o que consideraba falta de efectividade da mesa sectorial por entender que a Agadic «limitaba o diálogo», mentres que a entidade autonómica cre que a mesa foi eficaz e deixou de selo cando a AAAG renunciou a ela.