Manuel Bragado deixa a dirección de Xerais tras 28 anos na editora

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A saída, anunciada nun frío comunicado, causa sorpresa na cultura galega

13 abr 2018 . Actualizado a las 19:08 h.

«Con data de hoxe Manuel Bragado Rodríguez causou baixa como director xeral de Edicións Xerais de Galicia a petición propia». Así comezaba o sucinto e frío comunicado co que a empresa -grande selo de referencia da cultura galega, xunto con Galaxia- daba conta da saída de Bragado (Vigo, 1959), do que tamén asegura que seguirá vinculado ao proxecto como asesor literario das empresas do grupo Anaya en Galicia. Licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago, foi presidente da asociación pedagóxica Nova Escola Galega, labor tras o que en 1990 se incorpora a Xerais, na que só catro anos despois pasou a exercer como director xeral ata onte. A renuncia causou unha enorme sorpresa nas xentes da cultura galega, en cuxos ambientes se sabía da existencia na compañía de tensións internas que ninguén pensaba que darían neste inesperado divorcio.

Nos últimos tempos, Xerais mostraba os problemas económicos habituais -case de carácter estrutural- do sector en Galicia, que se queixa amargamente de abandono por parte do Goberno da Xunta e das políticas de Núñez Feijoo arredor do libro. En particular, centran a súa crítica nos «drásticos recortes nos orzamentos autonómicos para a compra de libros para surtir as biblioteca públicas». Tamén lamentan «a firme promoción que se fai desde a Consellería de Educación do préstamo dos libros de texto para escolares», o que fixo caer a compra de exemplares: de ter asegurada unha adquisición anual pasouse a unha cada catro anos, calculan no sector.

Algunhas fontes falan de certa incomprensión en Madrid, por parte do grupo Anaya, das vicisitudes tan particulares que padece o libro galego -e a súa rendibilidade-, e hai quen di que a paciencia se tiña esgotado hai meses no holding francés Hachette Livre -filial de Lagardère e matriz propietaria de Anaya, que inclúe tamén a outros selos como Cátedra e Alianza-, que estaría, segundo estas fontes, tras a decisión de apartar a Bragado.

Porén, outras fontes coñecedoras do funcionamento de Xerais restan valor a esta teoría e poñen o acento nas tensións internas ordinarias, relativas ás dificultades propias da venda de libros neste país e tamén a certas disensións existentes dentro do propio persoal da editora en Galicia, na súa sede central en Vigo. A firma ten trece traballadores, contando a Bragado. E membros de Xerais declarábanse onte «desolados pola marcha da alma dunha empresa que non se entende sen a figura e a traxectoria de Manolo». Nese mesmo hábitat tiñan claro onte que a persoa que o substitúa -nada sabían dun posible candidato, como nada se adianta, no entanto, no citado comunicado- dará continuidade ao seu proxecto e á súa maneira de entender a edición. «E en Madrid -engadían- ninguén pensa doutro modo, porque manteñen confianza total na súa filosofía e na maneira de facer».

Tras a estupefacción inicial, autores do selo e persoeiros da cultura, de viva voz e nas redes sociais, mostraban onte o seu agradecemento a Bragado, un home que non só era a faciana pública de Xerais senón unha presenza destacada nos ambientes intelectuais e políticos da cultura galega.