O selo Kalandraka cumpre vinte anos de labor cunha aposta firme polo teatro

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

JORGE PARRI

A editora publica a obra Eroski Paraíso, primeira das producións de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro

02 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O selo Kalandraka continúa coa publicación dos textos das montaxes de Chévere, a compañía compostelá independente que chegou no 2017 aos trinta anos de actividade e creación combativas, e que, sendo xenuinamente galega na súas propostas, ten conquistado os escenarios máis aló de Pedrafita. Tamén está de aniversario o propio selo pontevedrés, que cumpre (precisamente hoxe) vinte anos de exquisito labor. E faino -despois de exceder felizmente o ámbito da literatura infantil e xuvenil pola que é internacionalmente recoñecida- cunha aposta firme pola dramaturxia: aproveitando a celebración do Día Mundial do Teatro, o pasado martes 27 de marzo, a editora sacou á luz a obra Eroski Paraíso, primeira das producións de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro.

Xa estaban nas librarías Río Bravo, Annus Horríbilis, Citizen e Eurozone. Precisamente, o pasado domingo 18 de marzo, o teatro Reveriano Soutullo de Ponteareas acolleu a que será a última función de Eroski Paraíso por unha longa temporada, xa que Chévere está actualmente inmersa nos ensaios dun novo proxecto, Divinas Palabras Revolution, unha revisión da mítica peza de Ramón María del Valle-Inclán que se estreará no santiagués Salón Teatro o próximo 12 de abril.

Eroski Paraíso é, en palabras de Chévere, unha comedia documental que, a partir de historias reais, explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións tomando como medida unha pequena comunidade ao longo dos últimos corenta anos. O espectáculo parte de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que operou en Muros entre os anos 1972 e 1990, e cuxo local acolle agora un supermercado Eroski. Un fenómeno que, mudando os nomes, se repite en infinidade de vilas galegas e non galegas.

Kalandraka recibiu, entre outros importantes recoñecementos, o Premio Nacional a la Mejor Labor Editorial Cultural 2012, concedido polo Ministerio de Cultura, polo seu «compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía», dicía o fallo.