«O mellor escaparate da cultura galega hoxe é a literatura infantil e xuvenil»

CULTURA

Sandra Alonso

O escritor Xosé Antonio Perozo destaca que aumentaron os lectores entre os máis novos pola labor nos colexios e dos pais

02 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e faino cunha ampla canteira de lectores, segundo destaca o escritor Xosé Antonio Perozo (Llerena, Badaxoz, 1951), que no 2015 asumiu a presidencia da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e que dende o ano pasado tamén está ao fronte da Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (Oepli). No 2017, en Galicia, tal e como recolle o catálogo de Gálix, publicáronse máis de 130 libros por 28 editoriais, un documento que levaron a feira de Bolonia en busca de conquistar novos territorios para a creación galega.

?Cando se celebra o «Día de...» sempre hai tamén algo de reivindicación, ¿é agora máis preciso que hai uns anos? ¿Len os cativos máis ou menos?

?¡Oxalá na miña xeración tivera a rapazada a cantidade de libros para nenos e mozos que hai nestes momentos! Lese moito máis por dúas razóns: porque nos centros escolares se prescribe e porque os pais xa están sensibilizados da importancia da literatura e da cultura. As cifras indícannos que hoxe hai un bo cadro de lectores. De feito, este segmento converteuse no soporte de moitas editoriais.

?¿Cal é a situación da literatura infantil e xuvenil galega con respecto á vasca e á catalá?

?Estamos nun nivel de produción moi semellante ás outras linguas. O que si é que a produción galega está sendo a máis premiada tanto en España como fóra. Hoxe temos un nivel de éxito moi grande. Hai unha década, a preocupación dun autor ou autora galega era conseguir publicar un libro, hoxe falas cos autores e a inquedanza é ver a cantas linguas lle traducen. Isto dá unha idea do cambio de mentalidade. Antes non era fácil conseguir vivir deste xénero, e agora xa temos escritores que o están conseguindo.

?O último premio Nacional de Literatura Infantil foi Antonio García Teijeiro e con el xa son seis os galegos que o conseguiron. ¿É unha demostración desa boa saúde á que alude?

?Si, estamos vendo a proxección e tendo un eco extraordinario. Ledicia Costas ven de gañar dous anos seguidos o premio Lazarillo, María Solar...

?Entón, é facilmente exportable...

?O mellor escaparate exterior que ten a cultura galega hoxe é a literatura infantil e xuvenil. Agora mesmo é o máis importante. Só hai que ver cantos autores e ilustradores deste segmento transcenden fóra e cantos o fan dos que escribimos novelas para adultos.

?¿Rachouse xa co tópico de que este xénero é un pouco de segunda ou aínda queda camiño por percorrer?

?Aínda nos queda. A literatura infantil e xuvenil, primeiro, tivo que deixar de ser invisible. Agora xa é visible e potente. Ademais, a que é boa, dá igual quen a lea, pequenos ou maiores. Nun momento determinado foi considerada subxénero, porque aquelas cousas que non ían moi ben para adultos dicían ‘isto pódeno ler os rapaces’, como se estes foran parvos, cando diso non teñen nada. Os rapaces aos que lle prescribes hoxe un libro que sexa malo, esquécete de que o lean; e se é bo, cóntanllo aos amigos, e o orella a orella ten máis forza que cos maiores.

?Vivimos nunha sociedade dominada polo audiovisual, ¿isto cambiou moito o libro?

?Si que ten influencia na literatura, igual que antes o tiñan os xogos tradicionais. A literatura infantil e xuvenil reflicte o mundo dos rapaces de hoxe. ¿Que é competencia o mundo audiovisual e a literatura? Eu penso que non, ao final, cada un ocupa o seu espazo.

?¿Que retos lle quedan a Gálix?

?Tanto en Gálix como as catro seccións que integramos a Oepli, o principal reto é a exportación cara a fóra das nosas literaturas. É evidente que xa temos bo material e o importante é que a nosa cultura salga fóra e entre noutros territorios, noutras linguas, e noutras culturas, tanto na escrita como na ilustración.