Cambios de España

CULTURA

30 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén coma os estranxeiros para percibir a profundidade dos nosos cambios históricos. Son moitas as probas respecto disto. O escritor e xornalista francés Joseph Peyré (1892-1968) foi un deses letraferidos que se esforzou por desvelarlles aos europeos o misterio da realidade española da primeira metade do século XX. En 1953 prologou un libro titulado España, no que se falaba do cambio que supoñía para un visitante primeirizo pasar de Francia a España, e como a súa primeira impresión podía ser a de estarse internando nas estepas de Anatolia ou nas mesetas de Asia Menor.

«Ningunha fronteira leva ao francés a un país máis distante do seu polo espazo, o tempo e o carácter», escribiu Peyré, tratando de comprender -e de explicarlles aos seus paisanos- o seu propio asombro. A seguido, engadía o que de certo enxergaba detrás daquel espazo tan sorprendente e novidoso: a saborosa hospitalidade nos mesóns típicos, a variedade das paisaxes e a amabilidade das súas xentes. Sabía que, para os seus paisanos, España aínda era unha terra descoñecida. Pero el lograra despexar esa incógnita co seu continuo ir e vir, sobre todo nos outonos. E así llo contaba aos seus paisanos, aos que tratou de afeccionar coas súas descricións. ¡E ben certo que o logrou!

Respecto de Galicia, Peyré optou pola ruta terrestre próxima ao «doce océano», que cruza todos os vales cantábricos ata A Coruña. Pero ofrecía como opción «facer o Camiño de Santiago baixo as néboas de Compostela», isto é, pasando o porto éuscaro e entrando no «reino do vento terrestre», con leiras de trigais e viñedos, e casas que apenas alzaban da terra: «¡Tan fundidos asoman terreos e casaríos -dicía- que o home parece ausente!». Pero non o estaba, non. Porque era, todo el, un espazo habitado.

Hai que dicir que a literatura dos viaxeiros foráneos por España (sobre todo, a dos ingleses do XIX e comezos do XX) está chea de curiosidades e de paradoxais exaltacións, e constitúen en xeral unhas lecturas moi atractivas e proveitosas. A súa visión é tan pintoresca como inexacta, pero permítenos descubrir cómo fomos vistos e cómo fomos descubertos por unha modernidade que hoxe compartimos… felizmente.