A Academia Galega do Teatro chama a reestruturar e reconsiderar a Agadic

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

A entidade organizará un congreso da escena galega na primavera do ano 2020

28 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cobiza non nos falta, abofé». A cobiza da que falaba Imma António non é esa emoción de fauces abertas que devora sen conciencia todo o que atopa. Non. A cobiza da que falaba Imma António é a que constrúe, a que suma. A que comparte. A que aniñou na Academia Galega de Teatro, que naceu o pasado outubro en Rianxo, a carón de Dieste, de Castelo, de Manuel Antonio e da compañía máis veterana de Galicia: Teatro Airiños. Imma António falaba de cobiza na presentación da Academia que preside. Unha Academia que desenvolveu un programa básico para o teatro, formado por 21 puntos, para facer que o teatro sexa entendido como un servizo público e non como unha mercancía. Un programa básico que, entre outras cuestións, chama a repensar a Axencia Galega das Industrias Culturais, a valorar a «reestruturación ou mesmo reconsideración» da Agadic coa creación dun departamento de teatro.

«Propoñemos que se revise o concepto de axencia como tal». Dicíao o vicepresidente, Eduardo Alonso, porque se cadra, «e así o vemos noutras comunidades, non sexa o de axencia o concepto máis adecuado para tratar as cuestións que a Agadic, nas artes escénicas e no cine, ten nas súas competencias». «Nas entidades teñen que estar representados os sectores sociais que teñen que ver con esa actividade», coas artes escénicas en xeral e co teatro en particular. Subliñábao Eduardo Alonso. Luma Gómez, pola súa banda, era a que presentaba os 21 puntos dese programa básico para o teatro galego, que, ademais de chamar a repensar a Agadic, pide a adscrición á universidade da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a creación dun centro de Documentación Teatral e dotar ao Centro Dramático Galego da autonomía xurídica necesaria para producir os seus espectáculos e xestionar as súas actividades, así como dotalo dos medios e infraestruturas necesarias.

A Academia tamén chama a redefinir a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a crear compañías residentes nos teatros públicos das cidades galegas, á creación dun mapa de mostras e festivais e á organización dun festival internacional nalgunha das cidades galegas, así como a creación dun circuíto de exhibición entre as cidades do eixe atlántico e a promoción de espazos alternativos de exhibición.

Son 21 puntos que teñen como horizonte o ano 2021 «para ir implantando todas esas liñas». É mirar cara ao afastado. Moito máis preto está a celebración na primavera do ano 2020 dun congreso do teatro galego, unha iniciativa que quere dar os pasos para estruturar Galicia teatralmente que presentou Antonio F. Simón, que lembrou que están a piques de cumprirse 40 anos do inicio da travesía do teatro profesional galego, coa presentación das primeiras compañías profesionais. Un congreso que poida sacar o teatro da estación do percorrido na que agarda dende os anos 70.

Un petisco de «Divinas palabras revolution»

¿Que se agocha detrás do pano? Esa pregunta ten bulido moitas veces nas cabezas dos espectadores agardando a que comece a función. Onte, o Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego, amosoulles a eses espectadores os recunchos que non adoitan ver. Porque están atrás, ou por riba, do escenario. E ademais, tiveron a oportunidade de ver un petisquiño dos ensaios da montaxe «Divinas palabras revolution», dirixida por Xesús Ron, que se estrea o 12 de abril .