O Consello da Cultura pide elevar ao 1,5 % o gasto da Xunta no sector

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Paco Rodríguez

Afirma que agora só é o 0,6 %, moi por debaixo do peso dos creadores no PIB, dun 2 %

24 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un peso equiparable nos orzamentos da Xunta ao que representa o sector cultural no PIB de Galicia e na xeración de emprego. Esa é unha das propostas que fai o Consello da Cultura Galega (CCG) ao goberno autonómico, despois de analizar distintos parámetros estatísticos e de recoller a opinión de diferentes especialistas para elaborar a Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI. Nestes momentos, o gasto no sector cultural da Xunta é do 0,65 % e a institución cultural propón que se eleve ata o 1 % nos próximos catros anos e que alcance o 1,5 % no prazo de dez anos. «A forte diminución nos orzamentos das institucións públicas en materia de cultura aplicada desde o ano 2009 ata hoxe aconsella unha revisión das políticas públicas que contemplen incrementos a fin de contribuír á recuperación do sector», recolle o documento que onte entregou o presidente do CCG, Ramón Villares, ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e que agora constituirá un dos referentes que utilizará a Xunta para elaborar a Estratexia da Cultura 2021.

 Villares lembrou que o sector cultural supón o 2 % do PIB galego e concentra a un 3 % dos empregados, o que demostra a súa relevancia. O conselleiro apuntou ao respecto que nos últimos anos xa medrou o orzamento para o ámbito cultural, e que estaría «encantado» que o seu departamento contase con máis recursos, pero tamén matizou que a Xunta só é unha parte da xestión pública. Ademais, fixo fincapé en que «sería un erro medir a saúde do sector cultural polo maior ou menor financiamento público».

O orzamento non é o único elemento que apunta o informe que a Xunta lle encargou ao Consello da Cultura. Ramón Villares incidiu en que este documento mostra un consumo cultural aceptable, «pero son superiores as infraestruturas ao acceso dos cidadáns á oferta, o que debería levar a mudar as políticas para facer menos contedores e prestar máis atención aos contidos e á calidade destes».

Pouca profesionalización, nas debilidades, pero hai maior consumo

O documento elaborado polo Observatorio do Consello da Cultura considera prioritario incidir na coordinación da programación de actividades do sector cultural, así como poñer medidas para acabar coa feble profesionalización, a súa fragmentación e a pouca presenza no espazo dixital. Tamén bota en falta maior atención á cultura galega no exterior.

O informe recolle como puntos febles os recortes no gasto público en cultura -«demasiado agresivos para un ámbito social que é de protección preferente»-, así como a falta dunha «estratexia, diagnose, planificación e avaliación» nas políticas culturais da Xunta. Pero tamén hai fortalezas, como o aumento do consumo privado e maior asistencia a espectáculos, o crecemento do emprego cultural ou a riqueza patrimonial galega, entre outros. O conselleiro Román Rodríguez asegurou que este documento servirá agora para trazar a estratexia cultural.