Os defensores de Ferrín afirman que a executiva da RAG tratou a súa exclusión

Xulgan «sen efectos legais» a carta que require aclaracións ao ex-presidente e din que só pediron reintegrar o seu nome á web


A Coruña / la Voz

«Mentres a RAG non revogue o acordo de non aceptar a renuncia de Ferrín, queremos que se lle aplique o mesmo tratamento que se lle deu a outros casos de académicos que presentaron a súa dimisión formal ante o plenario, pero que non lles foi aceptada, e que figuraron como membros numerarios ata o día da súa morte (como se pode comprobar na web da RAG en casos coma os de monseñor Araúxo ou Jenaro Marinhas del Valle)». Isto din, nun comunicado, seis académicos que asistiron á reunión do pasado sábado e que, xunto con outros dous asinantes, pediran incluír na orde do día un punto que dicía: «Solicitude de reincorporación de Xosé Luís Méndez Ferrín á relación de actuais académicos de número».

A petición, detallan, fixérona «coa única pretensión, e así se explicou na presentación do punto, de corrixir a irregularidade» de que o ex-presidente da institución non aparecera na listaxe de académicos actuais na páxina web da RAG. Pero «en vez de discutir a proposta da orde do día, algúns membros da executiva e outros académicos trataron de derivar o contido do punto e someter a votación non a corrección solicitada, senón algo que non figuraba na orde do día: enviarlle unha carta a Méndez Ferrín cominándoo a aclarar se seguía mantendo a súa decisión de dimisión ou non, para poder iniciar o proceso da súa exclusión como académico de número, prevista no regulamento para aqueles casos de non participación nas actividades académicas. Dado que esa pregunta non figuraba na orde do día, e ante a imposibilidade de reconducir o sentido da proposta, no momento en que se repartiron as papeletas de votación os académicos presentes propoñentes da introdución do punto na orde do día decidiron retirarse e non participar nunha votación que consideramos sen efectos legais por non responder a ningún dos puntos da orde do día».

Nun texto asinado por Xosé Luís Axeitos, Chus Pato, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei, Manuel González González e Euloxio Ruibal, lembran que o 13 de marzo do 2013 a RAG tomou o acordo de non aceptar a renuncia de Ferrín, «polo que non se vai cubrir a súa vacante». Tamén recordan que, «nun momento determinado, que non se coñece con precisión», o nome do ex-presidente desapareceu na web da RAG da listaxe de académicos actuais.

Unha esixencia do aludido

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, dixo que foi o propio Méndez Ferrín o que «esixiu que se retirase o seu nome», algo que se fixo poucos días despois de que presentara a dimisión, e «desde entón ninguén tocou nada». Tamén explicou que lle pediron aos asinantes da petición que retirasen a proposta da orde do día e así tratar de chegar a un consenso, «pero non quixeron».

Xohana Torres, «unha casa para habitar»

Co gallo da celebración onte do Día Mundial da Poesía a RAG celebrou unha sesión en homenaxe a Xohana Torres, falecida o ano pasado. Amigos e persoas do mundo da literatura recitaron os seus versos. Ana Romaní, pola súa banda, referiuse a Torres e aos seus poemas como «unha casa para habitar». Guadi Galego e Guillerme Fernández puxeron música a algúns dos seus versos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Os defensores de Ferrín afirman que a executiva da RAG tratou a súa exclusión