A Panadaría trunfa nos María Casares co seu espectáculo «Elisa e Marcela»

A obra faise con catro premios, o mesmo número que «Resaca» e «A cabeza do dragón»


A Coruña / La Voz

A compañía A Panadaría foi a gran vencedora na gala dos María Casares -a noite da profesión escénica galega, que viviu onte no teatro Rosalía Castro da Coruña a súa 22.ª edición- coa súa produción Elisa e Marcela. A montaxe fíxose cos premios ao mellor espectáculo, á mellor dirección, á mellor actriz protagonista e ao mellor texto orixinal. Co mesmo número de estatuíñas, catro, compartiron o seu esmagador éxito as obras A cabeza do dragón, de Producións Teatrais Excéntricas, e Resaca, de ilMaquinario Teatro.

O trunfo de Elisa e Marcela, baixo a dirección de Gena Baamonde, fixo da velada -que acollía unha celebración engadida moi especial coa conmemoración dos corenta anos do teatro profesional galego, que, para os estudosos, arrincaba en 1978 coa formación de compañías como Artello- un singular festexo da igualdade da muller, reivindicación que non pode estar máis de actualidade. En consonancia coa evidente temática homosexual da peza, ao recolleren os seus premios, as autoras de Elisa e Marcela -que lucían cadanseu bigotiño- foron especialmente aplaudidas cando Areta Bolado, que tamén obtivo o galardón á actriz protagonista, quixo festexar a «estas mulleres lesbianas» que puxeron unha semente pioneira co seu casamento en 1901 na igrexa de San Jorge na Coruña.

O pulso reivindicativo non cesou cando, co público asistente posto en pé, a homenaxeada Rosa Álvarez -invitada ao estrado por Mabel Rivera- reclamou unha maior presenza de mulleres no teatro e no cine. A actriz, premio de honra Marisa Soto, evocou como ela, Mabel e a propia Marisa Soto crearon Teatro de Malbarate, a primeira compañía galega de actrices. Nesta liña, Álvarez -actriz de numerosas obras teatrais e películas como Sempre Xonxa, Heroína ou Doentes- demandou a posta en marcha dun centro galego de documentación teatral. Neste discurso incidiu Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que lembrou que as mulleres «estabamos onte [no labor teatral], por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá», aínda que ese mañá, advertiu, «ha ser ben diferente ao que vivimos. Ha ser un mañá cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas», desexou.

A celebración do 40.º aniversario do teatro profesional galego foi o eixo dun encontro, convertido nunha viaxe, conducida pola compañía Talía Teatro, cargada de humor, por esa historia de cómicos, un percorrido no que non faltaron as reflexións sobre o que supón o feito de ser actor, directora ou escenógrafa, en resumen, «que é ser teatreiro ou teatreira en Galicia», apuntaba antes da gala Arthur Trillo.

A canción de Marful, interpretada por el coro Encaixe, sobre «como facer a perfecta revolución», abriu la gala e Aldaolado (Lucía Alado e María Lado) leron o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro, do que son as autoras e no que dixeron que «o teatro soña o mundo que desexamos, é a materia prima coa que construír a sociedade».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Tags
Comentarios

A Panadaría trunfa nos María Casares co seu espectáculo «Elisa e Marcela»