Lugo exhibe a primeira gran mostra do traxe aldeán de gala

A deputación, que amosa 25 pezas que luciron nos séculos XIX e XX, programa obradoiros e visitas

Lugo exhibe a primeira gran mostra do traxe aldeán de gala A deputación, que amosa 25 pezas que luciron nos séculos XIX e XX, programa obradoiros e visitas

Lugo / la voz

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo prepara para o 5 de abril a apertura da primeira grande exposición sobre o traxe aldeán de garda que luciron entre finais do século XIX e inicios do XX os veciños de distintas comarcas da provincia. A colección, que se poderá ver ata o 1 de xullo na Capela de Santa María, estará integrada por 25 traxes, ademais de pezas que formaron parte da vida diaria de miles de galegos antes da chegada da revolución industrial, como mandís -cun apartado especial na exposición-, as mantelas que cobren a saia, os refaixos bordados á man, camisas de liño de corte, panos de cabeza ou mantóns, entre outras pezas.

As diferentes vestimentas foron recollidas polo colectivo Traxandaina en casas da provincia, «coa finalidade de salvagardar o noso patrimonio cultural», explicou a deputada de cultura, Pilar García Porto. Os visitantes poderán ver indumentarias orixinais e reproducións, que se complementarán con pezas de ourivería compostelá. «Con esta exposición contribuímos a poñer en valor unha parte da nosa historia, cultura e tradicións, neste caso, a través das nosas vestimentas, e tamén difundimos o traballo de recompilación feito por artesáns sobre traxes que usaban as mulleres do ámbito rural para lucir os días de feira, os domingos para ir á misa ou para domingar».

Ademais da mostra, a deputación programou actividades complementarias, como un obradoiro práctico de confección de saias impartido por artesáns de Traxandaina. Será os días 12, 13 e 19 de maio e a inscrición é gratuíta ata o 2 de maio, cubrindo un formulario na web da institución provincial.

Por outra parte, haberá unha xornada sobre a vestimenta e o folclore. Será o 7 de abril e participarán especialistas en baile e canto tradicionais galegos. Tamén é unha actividade gratuíta, previa inscrición. No mesmo sentido, programáronse visitas guiadas á exposición, que serán ás 18 horas os mércores de abril, os xoves de maio e os martes de xuño, ademais dos domingos 29 de abril, 27 de maio e 17 de xuño ás 12 horas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Lugo exhibe a primeira gran mostra do traxe aldeán de gala