A posibilidade de excluír a Ferrín da RAG dispara a tensión entre os académicos

Rodri GArcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Gustavo Rivas

«Eu a Academia xa a deixei», advirte o expresidente, que non falará mentres non se lle notifique a decisión do plenario

21 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No plenario da Real Academia Galega do pasado sábado houbo abundancia de pólvora e magnolias á hora de falar sobre a situación de Xosé Luís Méndez Ferrín. Oito académicos presentaron unha proposta para «reincorporar» ao expresidente da RAG como membro do plenario. «Cando un asunto vai na orde do día hai que votalo», explicou o presidente da entidade, Víctor Fernández Freixanes. Por iso, desde a directiva, pediron aos seis académicos que asistiron á xuntanza que retirasen a súa proposta. Argumentaban que cando Ferrín presentou a súa dimisión, nun correo electrónico remitido o 26 de febreiro do 2013 á executiva e aos académicos, entregou a medalla e o diploma e «pediu expresamente que o seu nome fose eliminado [da listaxe de membros]», argumentaba onte Freixanes. Tamén dicía que a retirada do nome se fixo daquela e que nin durante os catros anos da presidencia de Alonso Montero nin no ano que leva el á fronte se falara desta situación.

Os autores da proposta de recuperar a Méndez Ferrín consideraban que non era necesario votar, só tomar o acordo de reincorporalo. Por iso mantiveron a súa iniciativa, algo que deu lugar a unha serie de intervencións por parte das persoas que integran a executiva, «durísimas», apuntaron asistentes ao plenario, tanto dos que estaban en clarísimo desacordo con Ferrín como dos que o defendían. O resultado foi que, antes da votación, os seis académicos que apoiaban o retorno marcharon dunha reunión que tratou o asunto no apartado de rogos e preguntas. Algún deles era onte especialmente crítico e inquiría: «Pero, ¿quen é o presidente que quere pasar á historia como o que expulsou a Ferrín da Academia?».

Freixanes era rotundo onte asegurando que «en ningún momento se pronunciaron as palabras expulsión de Ferrín, non se dixo iso na reunión». E explicaba que, tras rexeitar a proposta dos oito asinantes, a xuntanza acordou «respectar a vontade do interesado» e non incluílo de novo no plenario sen coñecer o seu parecer. Nese sentido, di, acordouse contactar co expresidente para «ver da súa disposición, ben por carta ou falando con el». O acordo completábase dándolle un prazo a Méndez Ferrín para que se pronunciara, «para resolver unha situación anómala», en referencia á súa non asistencia ás reunións da Academia desde hai 5 anos. Unha vez coñecida a súa postura tomaríase unha decisión, e, apuntaba Freixanes, «o mellor é deixar as cousas como están».

O aludido, retranqueiro

«Eu non recibín nada», dicía onte Ferrín, preguntado pola comunicación. Cunha boa dose de ironía pedía explicacións sobre o que pasara na Academia o sábado. «Non teño ningunha información», incidía. Por tal motivo, apuntou, non quere pronunciarse sobre o que fará, nin a decisión que pensa tomar. E cun ton retranqueiro remataba o debate: «Eu a Academia xa a deixei...».

Antón Santamarina dimitira pero logo volveu, e monseñor Araúxo pasou anos sen ir ás reunións

A situación «contraria aos estatutos» na que estaría Méndez Ferrín, segundo a executiva da RAG, non é nova. Desde os que defenden a súa «reintegración» lembran que no seu día monseñor Araúxo Iglesias, bispo de Mondoñedo-Ferrol, tamén dimitira como académico, pero os directivos da institución non aceptaron a renuncia e morreu sendo académico, despois de varios anos sen asistir ás reunións nin participar nas actividades. Non foi o único académico que se mantivo á marxe da entidade durante anos.

Un caso distinto é o de Antón Santamarina, que no momento en que Méndez Ferrín marchou tamén presentou a súa dimisión, aínda que logo volveu incorporarse e agora forma parte da entidade. Outro dos membros numerarios, non obstante, explicaba onte que «xuridicamente un que dimite xa non é académico, e tería que iniciar de novo o proceso de incorporación».

«Espazos de encontro»

Para Víctor F. Freixanes, esta liorta desatada pola situación de Méndez Ferrín vén toldar o traballo que desde hai un ano está levando adiante a nova executiva «buscando espazos de encontro» nos que podan traballar xuntos académicos que poidan ter distintas opinións. Nesta liña, cita o Portal das Palabras, «con case tres mil consultas diarias», ou o dominio .gal, entre outras iniciativas e proxectos da RAG.